Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

O Concello de Ourense abre a convocatoria de dous dos premios literarios máis senlleiros: o Risco de Creación Literaria e o Cidade de Ourense de poesía, ambos con premios de 6.000 euros e a publicación das obras gañadoras. Nos vindeiros días anunciarase, tamén, o novo concurso de relatos que se porá en marcha este 2020.

Poesía. O Cidade de Ourense de Poesía, que acada a edición número 36, distinguirá o mellor traballo inédito e orixinal escrito en lingua galega ou portuguesa. O ano pasado tivo como gañadora a poeta Charo López. O Cidade de Ourense está aberto a todas as persoas que desexen participar, de calquera nacionalidade, agás quen gañaron o premio nas 5 edicións anteriores. O prazo de presentación de orixinais estará aberto ata as 14 horas do venres 5 de xuño.

Os traballos terán que ser orixinais e inéditos, cun mínimo de 600 versos. Presentaranse preferentemente en soporte dixital ou en papel por quintuplicado, baixo lema, indicando “Para o XXXVI Premio de Poesía Cidade de Ourense” nun sobre pechado, no Rexistro Xeral do Concello, directamente ou por correo certificado. As persoas que concorran de Portugal poderán entregar os seus traballos na Cámara de Vila Real (Portugal) dentro dos mesmos prazos.

O xurado estará integrado por personalidades das letras galegas e portuguesas, o gañador da edición anterior e unha persoa representante da Corporación que exercerá a presidencia. A súa decisión será inapelable. Quen gañe tamén recibirá gratuitamente 25 exemplares da obra publicada e formará parte do xurado na seguinte edición.

Risco. Igualmente, o Concello de Ourense e a Fundación Risco convocan a vixésimo primeira edición do Premio Risco de Creación Literaria, que lle rende homenaxe a Vicente Martínez - Risco e ao seu fillo Antón.
Poderán presentarse novelas, conxuntos de relatos, ensaios, etc, e se exclúen teses académicas ou traballos especificamente científicos, que teñen o seu ámbito propio no Premio Vicente Risco das Ciencias Sociais. O gañador do pasado ano foi Jorge Llorca.

Poderá concorrer a este premio calquera persoa que presente escritos inéditos da súa autoría redactados en lingua galega, cunha extensión mínima de 150 folios e máxima de 300. O prazo de entrega rematará o venres 5 de xuño no Rexistro Xeral do Concello de Ourense, na Praza Maior.