Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

O Museo Municipal ábrelle de novo as súas portas á cidade desde o martes 30 de xuño. Será coa colección de arte privada que custodia o Concello, 'Os nosos fondos'. Preténdese dar a coñecer aos propios ourensáns e a todo o público que veña a visitar a nosa cidade o importante patrimonio dos artistas locais: “Nun momento tan convulso coma o que estamos a vivir, é moi importante para a nosa identidade social e cultural amosar a colección de arte máis íntima dos nosos artistas máis destacados”, asegura Eva Torres, directora de Espazos Expositivos do Concello de Ourense.

A exposición, de carácter permanente, contén importantes mestres da pintura e da escultura ourensáns, caso de Prego de Oliver, Cándido Fernández Mazas, Luis Trabazo, Xaime Quesada, Antonio Quesada, Virxilio Fernández, Acisclo Manzano, Manolo Buciños, Xosé Cid, Vidal Souto, ou Alexandro, entre outros. Forman parte da colección de 1.306 obras de arte -pintura, escultura e debuxo- que se conservan e custodian no Museo Municipal de Ourense.

'Os nosos fondos' chega ademais co centenario da Revista Nós: o Concello quere renderlle así unha homenaxe ao traballo deste grupo de intelectuais e a un dos proxectos culturais colectivos máis singulares e universais que se desenvolveu na cidade de Ourense.

O Museo Municipal de Ourense ocupa dende 1987 un antigo edificio renacentista do século XVII. A antiga casa da familia Méndez Montouto ten tres plantas, dúas dedicadas nos próximos meses a exposicións permanentes nas que se presentarán as coleccións privadas do Concello de Ourense a través de 'Os nosos fondos'. A terceira planta estará dedicada a exposicións temporais coma até o de agora: o 3 de xullo presentarase 'Cromática, bienal de pintura de arte novo'.

Emprazado na rúa Lepanto, antiga rúa da Obra -nome que lle deron os construtores que traballaron a pedra para a catedral desa rúa, xunto á entrada norte-, pódese visitar no seguinte horario: de martes a sábados, de 11:00 a 13:30 horas e de 18:30 a 21:30 horas; os domingos, de 11:00 a 13.30 horas; os luns permanece pechado.