O Concello de Ourense abre desde o día 10 até o 30 setembro, o prazo para solicitar as axudas da convocatoria 2020 de subvencións para actividades culturais e festivas.
Darán apoio á realización de programas, proxectos ou actividades culturais e recreativas na cidade considerados de interese público que sexan promovidos por asociacións ou entidades sen fin de lucro; así como ás festas patronais, romarías e outras celebracións de carácter tradicional ou senlleiro promovidas por asociacións de veciños e comisións de festas.
As entidades interesadas poderán solicitalas durante un prazo de 15 días, hábiles, que comezará o día 10 e rematará o día 30 de setembro, a través do Rexistro Xeral do Concello ou en calquera das formas previstas na Lei 39/2015 do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Estas axudas correspóndense coas LIÑAS I e II do Plan estratéxico de subvencións da Concellería de Cultura:
LIÑA I Subvencións a asociacións e entidades sen fin de lucro que desenvolvan accións no eido cultural:
Proxectos relacionados coas artes escénicas, musicais, artes plásticas, cinematográficas e literatura.
Edición, publicación ou impresión de libros, publicacións seriadas ou obras audiovisuais en calquera soporte.
Actividades que teñan por obxecto o estudo, difusión, exaltación ou posta en valor do patrimonio cultural material ou inmaterial da cidade de Ourense.
LIÑA II Subvencións a asociacións de veciños e comisións de festas que desenvolvan accións no eido festivo: Festas patronais, romarías e outras celebracións de carácter tradicional ou senlleiro.
As axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva, de acordo cos criterios obxectivos que se concretan nas bases
DOCUMENTACIÓN
- Bases da convocatoria (PDF)
- Extracto da convocatoria (PDF)
- Toda a información e as indicacións para tramitar as axudas están aquí:Sede electrónica
- Decreto da concesión de subvencións (PDF)