Praza Maior 1 988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

 O Concello de Ourense presenta a súa oferta cultural para o último mes do ano, que se inicia cun concerto da Real Filharmonía de Galicia este mesmo xoves, 3 de decembro. O acto, dentro do ciclo lírico anual Enclave de Cámara, estará dirixido por Maximino Zumalave e o seu programa estará baseado en obras de Ludwig Van Beethoven. A oferta do Auditorio municipal para este mes de decembro inclúe danza (a cargo de Javier Martín), teatro para adultos e a clásica programación infantil dos domingos pola mañá para os máis pequenos.

Actualmente, o aforo máximo permitido é de 50 persoas, gardando todas as medidas de hixiene persoal -máscara para a boca, lavado de mans con xel hidroalcohólico, etc-. As entradas pódense adquirir en ataquilla.com, no teléfono 902 504 500, na Sede de Afundación (Praza Maior, 4) e na billeteira do Auditorio dúas horas antes da función.

  • Xoves 3 decembro | 20.30 h | Todos os públicos
    REAL FILHARMONÍA DE GALICIA, dentro do ciclo Enclave de Cámara

A Real Filharmonía de Galicia inicia o seu camiño en Santiago de Compostela en 1996. Actualmente está formada por cincuenta músicos de 17 nacionalidades diferentes. Maximino Zumalave dirixirá o conxunto no concerto de Ourense.

Programa:

- Ludwig Van Beethoven (1770/1827) | Obertura Coriolano, op. 62 (1810)

- Ludwig Van Beethoven (1770 - 1827) | Sinfonía nº 3 en Mi bemol Maior 'Heroica', op. 55 (1803)

- Allegro con brio | Marcia funebre: Adagio assai | Scherzo: Allegro vivace | Finalle: allegro molto.

  • Sábado 5 decembro | 19 h | Todos os públicos
    SOMA (Danza), de Javier Martín e Joaquín Jara.

SOMA é unha experimentación escénica e matérica que se concentra no estudo do corpo e do movemento como sombra e fragmento. A medida e o peso son expresión da súa potencia e desaparición, a súa necesaria brecha e abismo. Un saír do rito. Instalación e performance bailada, escultor e iluminador comparten, transitando por diferentes estados físicos, conceptos estéticos e calidades de movemento, relacionándose e achegando roles mediante esculturas, materiais, ambientes, obxectos e coreografías que se van despregando nun espazo conformado ante o espectador.

  • Domingo 6 decembro | 12 h | Todos os públicos
    LAMBETADAS, de Talía Teatro.

Unha lambetada é un doce, algo saboroso, que se come por gusto. Pero tamén é a acción de pasar a lingua buscando un efecto agradable. Partindo da dobre acepción da palabra elaboraremos un doce e gorentoso espectáculo teatral, pasando a lingua a modo, con deleite, sobre unhas historias que nos deixarán un doce sorriso nos beizos.

  • Mércores 9 decembro | 20.30 h | Público adulto
    O MONTACARGAS, de Ainé Producións.

O Montacargas é una obra teatral escrita nun só acto por Harold Pinter en 1957 e que foi enmarcada polo teórico Martin Esslin dentro da corrente dramática teatro do absurdo. A historia narra a situación de dous homes (Ben e Gus) que están encerrados nun cuarto, nunha estancia miserablemente amoblada. A historia avanza cando comezan a chegar mensaxes a través dun montacargas que semellan ser unha forma de comunicación de persoas que habitan na parte superior da estancia na que se atopan.

  • Venres 11 decembro | 20.30 h | Público adulto
    1879, CASA DE BONECAS, de Estudo Momento.

Adaptación do texto clásico de Henrik Ibsen, estreado con grande escándalo a finais do século XIX. Predecesora dos grandes movementos feministas, enxalza a figura de Nora Helmer, esposa e nai perfecta, que rachará dun famoso "golpe de porta" con todas as ataduras do sistema patriarcal. Esta versión, centrada no matrimonio ao que lle dan vida os actores Iria Ares e Xoán Carlos Mejuto, convida o espectador a recoñecerse na intimidade dunha relación desigual entre homes e mulleres, como se se estivese a ver todo a través dunha ventá indiscreta...

  • Domingo 13 decembro | 12 h | Todos os públicos
    A INESQUECIBLE VIAXE DE NANA, de Café de las Artes Teatro.

Nana está grávida e pouco a pouco descobre como o seu corpo comeza a cambiar para xa nunca volver a ser unha, se non dúas. Nana ten a sensación de subir a un globo aire quente e camiñar polo aire durante nove meses. E máis. O seu bebé nacerá, farase neno, mozo, adulto e pai. A inesquecible viaxe de Nana, unha viaxe en globo que sobrevoa o terreo insondable do ciclo da vida.

  • Xoves 17 decembro | 20.30 h | Todos os públicos
    SE FOSEN TURISTAS LEVARÍAN GAFAS DE SOL, de Limiar Teatro.

A memoria é un arma que se dispara sen querer. Recordamos, esquecemos. A memoria é múltiple, diversa. Nada hai máis democrático e tirano que a memoria. Memoria individual, íntima, secreta, memoria colectiva. A memoria é un espello que non deixa ver o presente pero proxecta o noso futuro. Hoxe é memoria do mañá, futuro do onte. Somos un produto dun espazo, dun tempo, dunha memoria. O ser humano loitou dende sempre por controlar o espazo, por reconstruír a memoria... pero o tempo se escapa entre os seus dedos.

  • Domingo 20 decembro | 12 h | Todos os públicos
    O CACHOPO MÁXICO, de Lila Teatro.

Nunha pequena porción de terra enriba dun monte que non se atopa en ningún mapa por ser demasiado pequeno, pódese divisar unha casiña humilde e fermosa. Alí vive unha familia moi singular ao tempo que bastante plural. É a familia Palpatore, son extraordinarios e teñen aspectos moi diferentes entre si. Tamén, coma todas as familias, gardan grandes segredos. Ao achegarse o Nadal, a familia Palpatore comeza a ferver. Toca traballar sen descanso durante todo un mes e non están afeitos a tanta velocidade. É unha alegre interpretación do Nadal dende a perspectiva dos costumes galegos máis antigos.