Os elementos que se exporán proceden de cesións realizadas por 34 concellos -hai 44 localidades representadas-, por asociacións culturais e por particulares, e non faltarán pantallas, peliqueiros, cigarróns, boteiros ou a famosa Morena de Laza. Porén, a exposición contará tamén con traxes descoñecidos para o grande público: amosaranse, por vez primeira, traxes recuperados logo de anos de estudo e de investigación antropolóxica ao longo da provincia.
Xunto cos personaxes e os seus elementos, tamén se poderá coñecer grazas a esta exposición o traballo de recuperación de tradicións esquecidas na cidade de Ourense: é o caso dos domingos de cacharelas -o equivalente na cidade do domingo oleiro- ou as famosas líricas, pezas satíricas propias do Entroido ourensán semellantes ás que coñecemos doutras latitudes, coma as chirigotas gaditanas.