O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, tivo palabras cariñosas para Manuel Prego, fillo do artista, e para Tere Amor, en representación da familia propietaria do Cine Mary -que ten máis obras de Prego na sala-. “Temos dobre motivo de alegría: por un lado, a de recuperar o esplendor de Prego de Oliver e, pola outra, a de recuperar un dos espazos afectivos da cidade, como é o cine Mary, patrimonio sentimental desta cidade”, dixo o rexedor. “Pechada como cine hai máis de 25 anos, rememoramos hoxe o seu vestíbulo contemplando esta obra, Cacería”.
Esta tarde, ás 20:00 horas, haberá unha conferencia titulada "Prego e a súa primeira pintura mural, restauración da obra Cacería", impartida por Natalia Figueiras (restauradora do mural xunto a Nieves Gómez) e Xabier Limia.