Nese momento, o artista vigués Iván Ferreiro sairá ao escenario para quecer o ambiente da cidade empezando a debullar as cancións do seu novo álbum, Casa (Warner Music, 2016).
Trátase da segunda confirmación de cartel das Festas de Ourense, logo da xa adiantada das Sweet California, que actuarán o 30 de xuño no Xardín do Posío. As entradas están xa á venta en ticketea.com (5 euros venda anticipada e 7 euros en taquilla o día do concerto).
O concerto de Iván Ferreiro será gratuito e forma parte da Xira de "Casa" o seu séptimo álbum en solitario, logo dos 13 anos que foi líder, cantante e compositor principal do grupo "Los Piratas", banda de rock fundada en Vigo en 1991 e que foi considerado un dos grupos máis influintes na escena pop e rock en España.
O programa das Festas, que se irá anunciando paulatinamente, pretende acadar opcións para todos os gustos, idades e estilos musicais: "Queremos que a cidade se identifique coas Festas de Ourense, que os ourensáns participen delas e que sirvan tamén como foco de atención cara a turistas que se acheguen a nosa cidade a disfrutar das actividades que nelas se desenvolverán", sinala o alcalde, Jesús Vázquez.