Son un total de 21 propostas con propostas para cativada “de todas as idades, teatro para bebés, circo, danza, teatro de monicreques, musicais, e mesmo unha ópera infantil, xa que acolleremos a representación de A frauta máxica”, explicaba o rexedor, “un clásico que chega a Ourense logo de ser elixido como o mellor espectáculo familiar do ano 2016”.
Porén, cómpre destacar as estreas absolutas de Contacreques, de Eme2, Os golfiños e o xigante, de Fantoches Baj, Auguratrat, de Pérez & Fernández, ou Planeta Ardora, de Trompicallo. No apartado menos tradicional, so nmoi salientables as propostas de Aracaladanza, co espectáculo Voos, e de Asacocirco con BB Circus.
“Achegamos a Ourense o mellor teatro, que ten ademais un dobre valor: recibe espectadores hoxe e ao tempo forma espectadores para o día de mañá”, confirmaba Vázquez Abad. “Os tempos cambian, as xeracións mudan”, dixo, “mais hai elementos imprescindibles na formación dos nosos cativos.”
Ademais do rexedor, a presentación do programa contou coa presenza da concelleira de Cultura, Belén Iglesias, da delegada da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz, e do director da Agadic, Jacobo Sutil, quen felicitou o Concello de Ourense “por como coida a programación e pola promoción que fai da cultura”. O departamento que dirixe colabora nesta programación a través da Rede de Teatros e Auditorios, grazas á que se desenvolverán un total de 539 espectáculos en toda Galicia.
Bono á Carta
A venda de estradas para todos os espectáculos pódese facer a través de www.ataquilla.com, na sala Afundación de Ourense (praza Maior 4) ou na billeteira do Auditorio dúas horas antes da función. Ademais, o Auditorio pon á disposición do público a posibilidade de mercar 5 entradas cun desconto do 20% para planificar mellor o lecer en familia a un mellor prezo.