Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

"O Auditorio do Pazo de Congresos de Ourense pode considerarse un dos mellores auditorios de Galicia, ao dispor de moi boas instalacións e gozar dunha moi boa situación na propia cidade". É unha das conclusións do informe elaborado pola Rede Galega de Teatros e Auditorios, e que valora de forma moi positiva todos os aspectos analizados no espazo da rúa da Canle: os medios técnicos, as diferentes instalacións e o nivel do persoal.

“Constatamos así, con datos obxectivos e eminentemente técnicos, que estamos a facer ben as cousas en materia cultural, convertendo aos nosos equipamentos en espazos de calidade, por moito que os grupos da oposición se empeñen en desprezar a xestión cultural municipal", sinala o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad.

O escenario, de grandes dimensións, está "ben equipado e ben coidado", asegura o informe, mentres que "os camerinos son amplos e están debidamente amoblados". Así mesmo, o acceso de mercadorías para a montaxe e desmontaxe dos escenarios ten "un bo acceso dotado dun gran montacargas que facilita as tarefas de carga e descarga". O informe fai especial fincapé no apartado humano: "pertence a unha empresa auxiliar, tratándose de persoal ben formado para o cometido e competente na materia".

En calquera caso, entre as melloras posibles para o Auditorio propón a continua modernización de equipos e a formación continua do seu equipo.

Esta non é a primeira vez que a Rede Galega de Auditorios e Teatros, dependente da AGADIC, felicita o Auditorio. Se agora é o continente, o pasado ano destacara a súa programación coma a mellor de toda Galicia.

Tamén foi destacado o Auditorio de Ourense, en datas recentes, polo subdirector xeral de Fremap, José Luis Checa Martín, pola súa colaboración no Manual para a mellora das condicións dos traballadores do sector das artes escénicas encargado polo Instituto Nacional das Artes Escénicas e Musicais (INAEM). Os responsables do Auditorio ourensán traballaron da man doutros espazos públicos coma o Teatro Real, o Palacio da ópera da Coruña ou Canal Sur Televisión, entre outros.

O edificio abriu as súas portas ao público por primeira vez o 17 de marzo de 2005, e contou coa actuación inaugural de Josep Carreras, o 4 de abril dese ano. A súa construción foi promovida polo Ministerio de Cultura, a Xunta de Galicia e o Concello de Ourense, sendo o seu arquitecto José Manuel Casabella (Ourense, 1952)

O edificio ocupa a parte máis baixa do solar (anteriormente ocupada pola residencia de oficiais), e alberga un aparcadoiro subterráneo de dúas plantas. A Sala Principal dispón de 743 localidades en forma de anfiteatro e 175 máis no poleiro. Ademais, conta con dúas salas multiuso (a Vermella e a Azul), con capacidade para 153 e 210 localidades.

Superficie total: 10.443.80 m2 (Auditorio 5.592,22 m2, aparcadoiro 4.851,58 m2).