Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

O salón de plenos do Concello de Ourense acolleu a presentación da décimo quinta edición da Mostra de Teatro Infantil (MOTI) de Ourense, un clásico da programación de Nadal que este ano se desenvolverá o día 21 e do 26 ao 30 de decembro en diferentes escenarios pero co mesmo obxectivo: o de ilusionar a mocidade e facela soñar a través do teatro.

Baixo o lema “o teu tempo cos nenos é o mellor agasallo”, a 15-MOTi presenta 19 espectáculos que se repartirán entre o Campus de Ourense, o Teatro Principal, o Auditorio Municipal e a propia rúa, caso da obra que abrirá o certame este venres 21 desde as 19:00 horas: Moti a culleradas (marchando unha de Moti), a cargo da compañía ourensá Trécola Teatro.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, cualificou a MOTI de actividade “imprescindible”, xa que “é unha actividade de formación ao tempo que damos a oportunidade de que pais e nais compartan con eles un tempo moi valioso”, valoraba o rexedor durante a presentación. O Concello de Ourense, principal promotor do certame a través da área de Cultura (xunto a Universidade de Vigo e Deputación de Ourense), “está a dedicarlle moitas enerxías nos últimos anos a facerlle a vida máis doada aos pais e nais desta cidade”, dixo o alcalde, “porque cremos na conciliación da vida laboral e familiar, e porque cremos que a Cultura é un ben de primeira necesidade para todos os cidadáns”.


Música, maxia, danza, monicreques e mesmo grafittis.. son algunhas das variedades do teatro que poderemos ver este ano na MOTI grazas ao traballo de Sarabela teatro, compañía organizadora do evento. Neste sentido, Fernando Dacosta afirmaba que “a ilusión dos nenos e a ollada que poñen cando sobe o telón é o principal motor desta MOTI”. A indispensable colaboración de todas as institucións representadas, dixo, “fai posible que as entradas poidan pagarse a 3 e 4€” coa intención de que vaian cantas máis persoas mellor.


A recadación dos espectáculos da MOTI no Campus de Ourense irá, un ano máis, para Unicef, entidade que vén de recoñecer Ourense como “cidade amiga da Infancia”


• Entradas: Teatro Principal, Auditorio: 4 € **; Campus: 3 €; rúa: de balde.


• Información sobre os espectáculos Programación da MOTI2018