Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

O pasado 26 de novembro, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, remitira unha carta ao Ministerio de Cultura y Deporte, na que trasladaba a súa preocupación polo retraso no amoblamento da nova Biblioteca Pública do Estado en Ourense, así como na licitación das obras de rehabilitación integral do Museo Arqueolóxico.

Como resposta a aquela misiva, o subsecretario de Estado do Ministerio de Cultura y Deporte, Javier García Fernández, remitiu unha carta ao rexedor ourensán explicando no punto no que se atopan estes importantes proxectos culturais na cidade. Por elo, o rexedor ourensán agradece ao subsecretario de Estado a resposta a cuestións "fundamentais para o avance da cidade que nos empeñamos en reactivar e relanzar desde o inicio deste mandato municipal" e manifesta a súa confianza en que "a palabra dada será cumprida, polo ben da mellora nos servizos e instalacións que precisa Ourense". O rexedor ourensán agarda que o Ministerio de Fomento "resposte coa mesma dilixencia e claridade que o de Cultura e informe acerca dun proxecto fundamental para o futuro da cidade como é a Variante Norte, do que de momento nada sabemos".

Así, o subsecretario de Estado recoñece no seu escrito que, se ben as obras da Biblioteca e o Arquivo están finalizadas, a recepción da mesma terá que ser a partires da segunda quincena de xaneiro. Tamén informa que desde o Ministerio xa se contactou coa Xunta de Galicia para acordar o equipamento necesario para a posta en funcionamento de ambas infraestruturas.

No caso da Biblioteca, xa se iniciaron os procedementos para a súa adquisición, sometidos a unha regulación especial de compras centralizadas desde o Ministerio de Hacienda. A previsión do Goberno Central, tal e como se expón no escrito, é que no mes de abril se poida proceder á súa instalación na futura Biblioteca. "A partir de ese momento, la Xunta podrá comenzar a trasladar fondos y personal. Hasta la fecha actual los expedientes ya iniciados superan los 600.000 euros de inversión tan solo en suministros para la nueva Biblioteca", recalca o subsecretario na misiva.

No que respecta ao Arquivo Histórico, a recepción da obra implicará a finalización da posta a disposición que se realizou en 2011 da finca chamada "Campo de Aragón", que se atopa entre ambos edificios. Tralas obras de urbanización realizadas polo Ministerio e trala esperada recepción favorable das obras, volverá a depender do Concello, que será o encargado a partir dese momento da súa conservación e mantemento.

No tocante ao Museo Arqueolóxico de Ourense, o escrito confirma que os pliegos para a licitación da obra -calculada en máis de 12 millóns de euros- xa foron redactados e actualmente están sendo informados pola Abogacía del Estado. A previsión do Ministerio é que durante o mes de xaneiro sexa publicado o concurso no Boletín Oficial del Estado, "ya que tanto en el Proyecto de Presupuesto para 2019 como en el Presupuesto prorrogado se ha consignado el importe adecuado para su ejecución", matiza o subsecretario de Estado.

36 millóns de investimento en materia cultural

O investimento executado ata a data para construír estes equipamentos culturais ascende a 23,8 millóns de euros (9,2 executados antes da resolución xudicial que permitiu rescindir o contrato coa empresa que realizaba as obras, e 14,6 desde a reanudación).

Estes importes veranse incrementados coa adquisición da totalidade do resto do equipamento necesario para a posta en funcionamento de arquivo e biblioteca. Precisamente para a Biblioteca, nesta última información confirman desde o Ministerio que superan os 600.000 euros de investimento.

Estas cifras compleméntanse coas do outro gran equipamento cultural da cidade: o Museo Arqueolóxico, cuxo importe global é de 12 millóns de euros.

Parte fundamental do proxecto de cidade

"Todos estes investimentos en materia cultural foron activados e relanzados polo empeño decidido e firme deste Goberno Municipal, que desde o minuto un do presente mandato tivemos claro que Ourense non podía seguir agardando a ter as obras polas que leva agardando lustros. Son parte fundamental do noso proxecto de cidade. Non só apelamos e convencimos aos diferentes responsables do Ministerio da necesidade de executalas, senón que tamén fixemos todo o que estivo na nosa man, como o feito de desbloquear todo o relativo ao Museo Arqueolóxico, para poder dar unha licencia que levaba e levaría morta demasiado tempo sen que ningún goberno se preocupase por desbloqueala", sinala o alcalde da cidade, Jesús Vázquez Abad.