Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

 

Pablo Milanés, Bustamante, Antonio Orozco ou Coti son algúns dos nomes que pasarán, durante o primeiro semestre do ano, polo Auditorio de Ourense.

A presentación da oferta cultural deste espazo, “un dos máis activos e dinamizadores da vida cultural desta cidade”, en palabras do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, contempla actividades “para todos os públicos, todos os gustos e sensibilidades”, afirmou o rexedor.
Entre os máis de 60 espectáculos previstos, moito talento ourensán: Como mostra, os nomes propios desta mesma semana: a bailarina Nuria Sotelo con A Gala (xoves 14, 20:30 horas) e o cómico Moncho Borrajo co seu novo espectáculo, Borrajo perdido (sábado 16, 20:30 horas). Pechará a oferta da fin de semana o espectáculo para público infantil Facendo o indio, dos Galitoon (domingo 17 ás 12:00 horas).
Outros nomes recoñecidos na nosa cidade para esta primeira parte da tempada son os da cantante Silvia Alonso, que volve con Steps, a dramaturxia de Tito Asorey e Melania Cruz con O empapelado amarelo; unha nova edición da MITEU, do 29 de abril ao 10 de maio, ou o concerto de homenaxe á Coral de Ruada, no ano do seu centenario.
Artes escénicas. É unha das actividades estrela deste espazo cultural, e amosará unha escolma das mellores producións teatrais do momento, tanto de compañías galegas como nacionais: Ítaca Teatro, Redrum Producciones, Teatro do Noroeste ou os portugueses Cinema Sticado, cunha novidosa posta en escena que mestura o teatral e o audiovisual, son algúns dos nomes propios. A danza tamén ten o seu lugar privilexiado nesta programación, cos espectáculos de Fran Sieira ou Daniel Abreu, dous referentes do panorama internacional.
Por outra banda, musicais coma os de Schreck ou El Rey León, a finais de marzo, ou o tributo á banda Queen, serán algunha das fortes apostas que mantén o Auditorio de Ourense polos espectáculos dirixidos ao público familiar.
Infantil. “Se de público infantil falamos, coido que a oferta desta Concellería de Cultura é sinxelamente espectacular”, afirmaba Vázquez Abad na rolda de prensa. “Desde as idades máis tenras, grazas aos espectáculos para bebés dentro do programa Apego, ata a clásica cita dos domingos ás 12 da mañá”, onde se poderá gozar dun compendio de monicreques, maxia, danza, ou música, por non falar de que todas estas disciplinas se xuntan, a miúdo, no mesmo espectáculo”.
En definitiva, “unha oferta que pola calidade, pola cantidade e pola diversidade dos espectáculos programados, merece un lugar privilexiado na nosa axenda”, dixo.

Consulta a programación: PROGRAMACIÓN AUDITORIO