Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

O Concello de Ourense rendeulle esta mañá homenaxe a Benito Losada, fillo adoptivo da cidade, nun acto institucional no salón de plenos en presenza da Corporación municipal, familiares e amizades do que fora director da Casa da Xuventude e axente dinamizador cultural da cidade.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, entregoulle ao fillo, Anxo López o pergamiño co que o Concello recoñece a achega dun home “que quixo e soubo ser axente comprometido, vocacional e dinamizador da cultura na nosa cidade. Que ao longo dunha longa, constante e diversa traxectoria impulsou proxectos, alentou iniciativas e animou a moitos ourensáns e a moitas ourensás, principalmente xente nova, a crer na cultura e na expresión artística, e a apostar polo asociacionsimo, a atopar neles un modo de vida e unha forma de desenvolvemento artístico ou persoal, mais ao tempo tamén unha forma de enriquecer social, cultural e sentimental á nosa cidade”, asegurou o alcalde.

Vázquez lembrou que a homenaxe é o resultado do expediente de honras incoado polo Concello por proposta “oportuna e acertada”, da asociación Proxecto Benito Losada, que permitiu coñecer “as achegas de particulares, entidades e colectivos que deron conta dos méritos acumulados por Benito Losada e da extraordinaria importancia do seu legado”.

Os actos de homenaxe continuaron na Casa da Xuventude, onde se descubriu unha praca en lembranza do que hora director da entidade e que contou coa actuación da Coral de Ruada.

Nado en Lugo o 19 de novembro de 1946, Benito Losada estivo presente nos momentos culturais de renome da cidade desde os últimos 30 anos. Foi cofundador das extintas Agrupación Fotográfica Ourensá, do colectivo Landrover de Técnicos Culturais, do Club Cultural Alexandre Bóveda, de Aira Iniciativas Culturais, e membro da Comisión técnica de acción cultural do Consello da Cultura Galega. Director da Casa da Xuventude, desde a que promoveu actividades culturais como o Outono fotográfico, a Bienal de Caricatura ou as Xornadas de Banda deseñada.

“Benito Losada fixo de Ourense unha cidade mellor, sementou amor pola cultura, fe nas persoas, confianza nas asociacións, foi quen de aglutinar vontades, de facer viables proxectos e executalos. Hoxe segue presente en Ourense o legado de Benito Losada”, sinalou o rexedor.