Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

O Concello de Ourense e a editorial Galaxia presentaron, esta mañá no salón de plenos municipal, o debut literario de Andrés Pombo Gaña (Ourense, 1988): 'O segredo das Burgas', un percorrido polas profundidades dun Ourense descoñecido no que atoparemos demos vingativos, un Averno espantoso, bruxería, corrupción e homes que poñen a súa vida ao servizo de causas satánicas, unha ópera prima escrita cunha grande madurez literaria.

“Ourense é un inesgotable escenario de historias”, sinalaba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, citando a inesgotable nómina de escritores que desenvolveron as súas historias na nosa cidade, tamén de todos os ourensáns que ambientaron as súas letras en Ourense: “Que segredo agochará esta cidade para ser un material literario tan profuso...”, dixo.

O Concello colabora coa compra de 250 exemplares do libro para a súa distribución polos centros escolares. “É un libro que toda a rapazada da cidade debe coñecer”, sinalaba na rolda de prensa o director da editorial Galaxia, Francisco Castro, quen dixo declararse sorprendido logo da primeira lectura do proxecto literario.

Pombo Graña baseouse no 'Diccionario de seres míticos galegos' (ed. Xeráis), de Antonio Reigosa, e nas historias que de pequeno lle contaban os seus avós. Mesturada toda esa información coa imaxinación dun rapaz a quen de pequeno lle lían contos para durmir, “só tiven que plasmalo no papel”, dixo.

O rexedor pediulle, para finalizar o acto, que “non cese na súa procura de demos, de meigas... de historias que contar” para seguir descubrindo recunchos desta cidade máxica. O autor, pola súa banda, realizará unha visita guiada polos espazos descritos no libro mañá martes.