Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

O Centro Dramático Galego representará o próximo xoves, 6 de xuño, ás 20:30 horas no Auditorio a súa última produción “Neorretranca e posmorriña”, orixinal de Esther F. Carrodeguas e Roi Vidal Ponte, dirixida por Gena Baamonde, cun elenco formado por dez actrices galegas. O CDG chega a Ourense dentro da xira que ate o 7 de xullo realiza co seu novo espectáculo. As entradas poderanse adquirir por Internet en Ataquilla ou no despacho de billetes do Auditorio, desde dúas horas antes da actuación

Neorretranca e posmorriña son, en palabras da compañía, dúas pezas sobre un mesmo sentir, caras diversas sobre unha mesma inquedanza. A identidade galega como concepto inaprensible, como acción non rematada, como busca incesante. A cultura, a lingua, a escrita, hábitos e prácticas sociais, tradicións e mitos propios. Memoria compartida inzada de símbolos que ás veces non recoñecemos como nosos, que interpelan a imaxinación dunha comunidade non sempre en sintonía.

Neorretranca no punto de mira. Ironía e humor negro acompañado dunha crítica irreverente e a sensación de ter chegado a un punto de inflexión no camiño, onde hai que soltar lastre, onde hai que deixar atrás certos símbolos, algunhas certezas con aparencia de verdade que xa non lle acaen a case ninguén. Namentres, Posmorriña no horizonte, imaxinación dunha Galicia posible que aínda non coñecemos e que, así e todo, non deixamos de estrañar. Saudades dun territorio aberto e por explorar.

O obra está dirixida por Gena Baamonde e interpretada por Ánxela Blanco, Areta Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabell Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde.

Máis información na Web do CDG