Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

O Centro Cultural Ángel Valente acollerá desde o venres ata o domingo os concertos de Camiños Sonoros, o ciclo musical impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo que está a percorrer concellos galegos da Vía da Prata. No marco da programación do Xacobeo 21, esta iniciativa divulga o Camiño de Santiago a través da música e conta coa participación de mais dun cento de mozos estudantes de conservatorios galegos, coa dirección artística de Andrea González. Os estudantes do Conservatorio Profesional da Estrada e Ourense e do Conservatorio Superior de Vigo levarán esta fin de semana a música ata o Centro Cultural Ángel Valente (antigo Banco de España, na rúa do Paseo), con cinco concertos con programas clásicos que encherán de sons este enclave, na cidade das Burgas.

A primeira cita será hoxe, venres, ás 20,00 horas, cun concerto protagonizado por alumnos do Conservatorio profesional da Estrada, cun cuarteto de saxofóns e un programa onde soarán pezas de Vivaldi, Comesaña e Bozza. O sábado, na sesión matinal, ás 13,00 horas, o protagonista será un dúo de trompeta e piano, do Conservatorio profesional de Ourense, cun programa de Haydn, Hoch e Clarke. Pola tarde, a cita é ás 20,00 horas no mesmo centro cultural Ángel Valente, con alumnos do Conservatorio Superior de Vigo nun dúo de clarinete e piano e temas de Gade, Albeniz , Kovács, Poulenc.

O domingo a cita tamén é dobre. Na sesión matinal, ás 13,00 horas cun dúo de guitarras, e pezas de Mertz, Assad, Bellinati intepretadas por alumnos do Conservatorio Superior de Vigo. Xa pola tarde, ás 20,00 horas remata a programación desta fin de semana cun dúo de clarinetes, do Conservatorio profesional da Estrada, e composicións de Milhaud, Rabaud, e Stadler.

Impulso da Vía da Prata

Todos os concertos son gratuítos, están dirixidos ao público xeral e son parte dun programa de 40 citas musicais, que desde maio e ata xullo se desenvolve en diferentes emprazamentos de interese patrimonial na Vía da Prata como, entre outros, o Mosteiro de Carboeiro, o Mosteiro de Oseira, o Pazo de Liñares en Lalín ou o Pico Sacro, en Boqueixón, percorrendo as tres provincias galegas polas que atravesa este itinerario xacobeo. No caso de Ourense, a previsión meteorolóxica obrigou a trasladar os concertos ao Centro Cultural Ángel Valente. Tras pasar esta fin de semana pola cidade das Burgas, a seguinte parada dos Camiños Sonoros será en A Estrada (14, 15 e 16 de xuño).

Camiños Sonoros forma parte da programación previa do Xacobeo 21 e inclúese no calendario do Plan Director do Camiño de Santiago, que prioriza melloras e diferentes accións de dinamización cultural na Vía da Prata en 2019. Este ciclo musical tamén ten unha importante parte formativa, polo que se engaden no programa clases con actores da ESADg, e charlas para afondar na profesionalización do sector musical.

PROGRAMA DESTA FIN DE SEMANA OURENSE
LUGAR: CENTRO CULTURAL ÁNGEL VALENTE
Rúa do Paseo, 4

7 XUÑO 20,00h.
Claudia Carballo González, saxofón
Patricia Novo Cuñarro, saxofón
María Vidal Esmorís, saxofón
Roi Alfonso Tojo, saxofón
Conservatorio Profesional da Estrada

8 XUÑO 13,00h.
Alba García García, trompeta
Xoán Manuel Iglesias Losada, piano (profesor)
Conservatorio Profesional de Ourense

8 XUÑO 20,00h.
Iria San Marcial Comesaña, piano
Juan Álvarez González, clarinete
Conservatorio Superior de Vigo

9 XUÑO 13,00h.
Ángel Saavedra Arozamena, guitarra
Tomás Duarte Franco, guitarra
Conservatorio Superior de Vigo

9 XUÑO 20,00h.
Belén Troitiño Dono, clarinete
Sandra Alfonso Tojo, clarinete
Conservatorio Profesional da Estrada