Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

O Ballet Nacional Ruso será esta semana o protagonista da programación de actividades que desenvolve o Concello no Auditorio Municipal, cunha dobre sesión que lle permitirá ao público ourensán desfrutar das adaptacións de dúas obras clásicas con partitura de Tchaikovshy: O Quebranoces e A bela dormente, o mércores, 11, e o xoves, 12, respectivamente, ambas ás 20.30 h.

O Crebanoces é un ballet de dous actos, orixinalmente coreografiado por Marius Petipa e Lev Ivanov cunha partitura de Piotr Ilyich Tchaikovsky. O libreto é unha adaptación do conto de Hoffmann O Crebanoces e o Rey Rato. Estreouse no Teatro Mariinsky de San Petersburgo, o 18 de decembro de 1892, en sesión dobre coa ópera de Tchaikovsky, Iolanta.

A bela dormente é un espectáculo con prólogo e catro actos (o bautizo, o feitizo, a visión e a voda), con música do mesmo autor, libreto de Charles Perrault, versión dos Irmáns Grimm, e coreografía de Marius Petipa

Tamén esta semana teremos unha nova cita no Enclave de Cámara, o xoves, ás 20.00 h no Teatro Principal. Será co último gañador do concurso de piano de Santander, o ucraíno Dmytro Choni, un virtuoso do instrumento, que ofrecerá un programa que inclúe obras de clásicos como Brahms, Schumann ou Liszt, para rematar a segunda parte co compositor por excelencia de obras para piano solo, Rachmaninov.

O Auditorio tamén acollerá o venres, ás 20.30 horas a clausura dos cursos do programa de actividades formativas Universidade Popular 2019, coa entrega de diplomas ás persoas que participaron nas actividades ao longo de todo o curso. Na entrada haberá unha mostra dos traballos que realizou o alumnado dos obradoiros artísticos.

A fin de semana traerá dúas citas coa programación infantil no Auditorio. O venres, 13, ás 18.00 h e 19.30 h, Lixo, de O Baúl da tía Lola, para bebés, e o domingo, 15, ás 12.00 h, Mai Mai, para rapazada a partir de 5 anos. Unha obra que conta a historia do último oso panda do planeta e a súa loita por sobrevivir, xa que a falta de comida e os problemas ocasionados polo quentamento global fan difícil a supervivencia desta especie.