Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

O Concello de Ourense asumirá a xestión do Teatro Principal de Ourense. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o presidente da Deputación, Manuel Baltar, acadaron un principio de acordo que se matizará nos próximos días polo que a Deputación de Ourense, titular do equipamento, transferirá ao Concello a xestión do Teatro Principal de Ourense, espazo de referencia na programación de actividades culturais na cidade.

O acordo ten como obxectivo mellorar a coordinación, a planificación e a execución da programación de actividades culturais da cidade, xa que será o Concello quen xestione os dous espazos culturais máis importantes, versátiles e de maior capacidade de público e desenvolvemento de espectáculos culturais en Ourense: o Auditorio e o Teatro Principal. O Concello de Ourense terá pleno control na realización de espectáculos culturais na cidade, o que lle permitirá evitar contraprogramacións de actividades que, ao coincidir en data, obrigaban ao público a ter que elixir entre a programación dos dous espazos culturais.

O acordo busca, en definitiva, optimizar recursos e rendibilizar ao máximo os espazos, elixindo para cada espectáculo o recinto máis axeitado en función da súa capacidade.
“Ourense vai gañar” con este acordo, asegura o goberno municipal, xa que a cidade terá unha programación “mellor, moito máis acorde, máis fusionada e sen as perigosas contraprogramacións que se producían”. Ao tempo, subliña, o Concello de Ourense farase cargo dun céntrico local municipal, “epicentro da cidade e que ten moito máis sentido que estea nas mans do Concello”, como espazo para o desenvolvemento de actividades municipais.

O Concello asumirá tamén o persoal do centro, formado por unha ducia de profesionais.