Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

O Concello de Ourense pechou a programación da que será a oitava edición do ciclo de música Enclave de Cámara, que se desenvolverá desde o día 1 de outubro na cidade. O programa mantén os concertos que tiveron que aprazarse debido á pandemia da COVID-19 e incorpora dous máis, facendo un total de dez. Conmemorarase a festividade dos músicos, Santa Cecilia, cun concerto do Dúo Cassadó e rematará o ciclo ao aire libre, na Praza de San Martiño en xuño do 2021 con Hércules Brass.

A programación do ciclo abrangue un amplo abano de posibilidades, desde os imprescindibles tríos con piano, os cuartetos de corda ou piano solo, ademais de propostas máis innovadoras e diferentes como un cuarteto de saxos, un dúo de pianos, un ensemble de ventos e piano e unha proposta orquestral coa Real Filharmonía de Galicia, xuntando ao tempo grupos consagrados, como o Cuarteto de Zagreb, un cuarteto histórico na música de cámara, promesas como o pianista francés Adam Laloum ou os Trío Sitkoveisky, os Kebyart ou o Hércules Brass, conxuntos todos de futuro prometedor e presente cheo de recoñecementos.

Ademais, os programas dos concertos acollerán estreas absolutas (en outubro a obra de Xabier Mariño Aquis auriensis) ou obras máis difíciles de escoitar como Anxos negros de Crumb, que interpretará o Cuarteto Ardeo. O ciclo non se esquece, evidentemente, de clásicos como Beethoven, no ano adicado ao compositor, Mozart, Shubert, Ravel, Tchaikovsky, Halffter, Granados, Falla ou Pärt. O ciclo contempla tamén a realización de actividades complementarias para o os estudantes de música.

Listaxe de concertos

  • 1 de outubro do 2020. Airas Ensemble, quinteto de ventos con piano
  • 12 de novembro do 2020. Dúo del Valle, dúo de pianos
  • 22 de novembro do 2020. Dúo Cassadó, violonchelo e piano
  • 3 de decembro do 2020.Real Filharmonía de Galicia, orquestra
  • 14 de xaneiro do 2021. Kebyart Ensemble, cuarteto de saxos
  • 4 de febreiro do 2021. Cuarteto de Zagreb, cuarteto de cordas
  • 4 de marzo do 2021 Cuarteto Ardeo, cuarteto de cordas
  • 1 de abril do 2021. Adam Laloum, piano solo
  • 6 de maio do 2021. Trío Sitkovesky, trío de cordas
  • 3 de xuño do 2021 Hércules Brass, Quinteto de metais