Praza Maior 1 988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

O Concello organizará, durante o mes de marzo na sala Valente, unha gran exposición con máis de 50 personaxes tradicionais do Entroido ourensán. "Canceladas todas as grandes celebracións do evento máis sinalado do ciclo festivo da cidade, sen hostalaría nin actos culturais", explica o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, "o goberno municipal decidiu aprazar a exposición de personaxes", di, cuxa apertura estaba prevista para o mes de febreiro, coincidindo co Entroido.

Os elementos que se exporán proceden de cesións realizadas por 34 concellos -hai 44 localidades representadas-, por asociacións culturais e por particulares, e non faltarán pantallas, peliqueiros, cigarróns, boteiros ou a famosa Morena de Laza. Porén, a exposición contará tamén con traxes descoñecidos para o grande público: amosaranse, por vez primeira, traxes recuperados logo de anos de estudo e de investigación antropolóxica ao longo da provincia.

Xunto cos personaxes e os seus elementos, tamén se poderá coñecer grazas a esta exposición o traballo de recuperación de tradicións esquecidas na cidade de Ourense: é o caso dos domingos de cacharelas -o equivalente na cidade do domingo oleiro- ou as famosas líricas, pezas satíricas propias do Entroido ourensán semellantes ás que coñecemos doutras latitudes, coma as chirigotas gaditanas.