Praza Maior 1 988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, anuncia a posta en valor dos activos municipais no Complexo de San Francisco. "A área", di, "terá un bar-cafetería, e o aparcadoiro do recinto do Auditorio estará operativo as 24 horas con pago/hora". Ademais, afirma o rexedor, "o Auditorio será explotado por profesionais auténticos da industria do entretemento ou Show Business".

O bar-cafetería estará situado no local da antiga sede do festival de cine, ocupada actualmente pola Escola de Artes e de Oficios da Deputación, e terá opción a dúas zonas de terraza, unha situada na chaira do auditorio, e outra na chaira da biblioteca pública. "Revitalizará a zona dándolle servizo a usuarios da biblioteca e das actividades do Auditorio", explica Pérez Jácome. "A Escola, pola súa banda, dispoñerá de máis metros noutro local municipal anexo a partir de setembro 2021, tal como se acordou co ente provincial esta semana".

O aparcadoiro, que supera as 100 prazas e que actualmente só abre de 8 a 15 horas, pasará a operar como calquera aparcadoiro público, 24 horas do día, 365 días ao ano, e cobrando por hora.

Pola súa banda, "o Auditorio terá unha explotación profesional, tanto técnica como artística, e dará dous servizos: un para cubrir as necesidades municipais e as programacións do Concello", explica o alcalde, "e outra realizando programacións por iniciativa propia, con eventos culturais do Show Business que deberán adaptarse aos gustos e aos tempos da cidadanía e non aos gustos dos programadores ou desexos dos provedores do sector".

"O público que asistirá ao Auditorio", di o alcalde, "pasará a ser maioritario e variado, no canto de minoritario e repetido". "As cidades de Vigo e A Coruña", prosegue, "ambas as con gobernos de esquerdas no pasado e hoxe, xa licitaron a explotación dos seus auditorios principais", lembra. "E en Madrid, até os Teatros del Canal, da Comunidade Autónoma, están tamén externalizados".

O Concello estudará a licitación conxunta, ou por lotes, destes servizos. O luns 5 de abril contrataranse os servizos para un estudo de viabilidade económica dos 3 espazos, requisito previo á licitación.