Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

A artista ourensá Tareixa Taboada presenta Zoon Politikon no Museo Municipal, unha exposición composta por medio cento de obras nas que podemos atopar retratos, escenas circenses, bronces da Iberia e mesmo un misterioso asasinato por resolver. A exposición permanecerá até o mes de abril nas salas 1 e 2 do Museo Municipal, e quere reivindicar a experiencia individual fronte á arte lonxe da “tiranía da felicidade e do mercado da arte, que é efémero”, dixo na persentación.

Inundada de cromatismo, con tons fortes e vivos, Zoon Politikon preséntase coma unha exposición interactiva: “A arte ten que impactar e divertir”, dixo Tareixa Taboada na súa presentación, “se hai necesidade de explicala non vale para nada”.

Na primeira planta do Museo atopamos a galería “freak show”, unha homenaxe aos personaxes circenses que, no seu momento, foron exhibidos con crueldade, pero que atesouraban un gran interior. Pero tamén está a “Iberia”, un conxunto de óleos e bronces que nos levan ao século III a.C. Pasados polo filtro da artista. Na segunda planta, un “Asasinato sen resolver”, unha forma de que os visitantes consideren o Museo un lugar divertido e un reto a través da arte. Porque esta, en palabras da artista, “debe ser humana, sensible e pasional”.

Zoon Politikon inaugurarase o 23 de febreiro ás 20 horas, e poderá visitarse no Museo até o 1 de abril no seguinte horario: de martes a sábado, en horario de 11:00 a 13:30 horas e de 18:30 a 21:30 horas, e os domingos de 11:00 a 13.30 horas. Os luns, o Museo pecha. Durante todo este tempo, a exposición recibirá a visita de centros escolares no ánimo de facer do Museo un recurso didáctico, en palabras da concelleira de Cultura, Belén Iglesias.