Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

O Enclave de Cámara despide a súa sexta edición cun concerto no Teatro Principal a cargo do Dúo Rivera, formado pola pianista ourensá María Luz Rivera e Blanca Fernández ao violín. As entradas para o concerto do xoves 6 ás 20:00 horas, á venda online en Ataquilla e no despacho de billetes do teatro dende dúas horas antes do espectáculo.

Caracterizado polo seu labor de difusión da música de cámara española cunha especial atención ao repertorio contemporáneo, o dúo formado polas irmás María Luz e Raquel Rivera (Blanca Fernández actuará en substitución de Raquel Rivera) presenta en Ourense un programa no que fundirán obras de Anton Webern, John Cage, Enrique Granados, Joaquín Turina e Manuel de Falla. Ademais, por encargo do propio ciclo ourensán, estrearán a obra do galego Fernando Buíde del Real (1980-) “Canto Auriense”, quen tamén asistirá ao recital.

Dende a presentación internacional do dúo en 2004, desenvolveron varios proxectos centrados na produción musical galega e española para piano e violín e na súa relación coa música europea. Reivindicando os compositores menos coñecidos, rescataron a súa obra dándolles difusión no contexto internacional.

Con este concerto péchase unha temporada de recitais de cámara organizados dende outubro a xuño polo Enclave de Cámara na que, entre outros, pasaron por Ourense pianistas da talla de Javier Perianes ou Josep Colom, agrupacións de corda e piano coma Resonans ou o Trío Arriaga, músicos da Real Filarmonía de Galicia ou o violinista Daniel Röhn.

O Enclave de Cámara está organizado polo Concello de Ourense e conta coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense, do Teatro Principal e da Corporación Radio e Televisión de Galicia

Toda a información na páxina web Enclave de Cámara