Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

A cita co Enclave de Cámara adiántase este mes de novembro ao mércores -6 de novembro- para recibir o cuarteto de corda Simply Quartet, que dará inicio a unha semana de intensa actividade na axenda da Concellería de Cultura, xa que o Auditorio acollerá a obra O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia, os concertos tributo a Michael Jackson e Mecano, xunto coa programación infantil.

Mércores, 6 de novembro, ás 20.00 h no Liceo, volve Enclave de Cámara, con Simply Quartet.

Orixinalmente chinés, o Simply Quartet trasládase a Viena en 2012 para estudar co profesor Johannes Meissl (Artis Quartet) no Instituto Joseph Haydn para Música de Cámara na Universidade de Música e Artes Escénicas de Viena. No seu repertorio podemos escoitar obras de Haydn, Shostakovich e Mendelssohn. Centrados nos últimos anos nas raíces do repertorio xermánico e austríaco para cuartetos de corda, teñen acadado éxito no Concurso Haydn en Viena, en 2017, e no Concurso Internacional de Música de Cámara “Schubert e a Música Moderna” de 2018. Actualmente, Simply Quartet é o último gañador do Concurso Internacional de Cuartetos de Corda de Bordeos.

Simply Quartet son: Danfeng Shen, violín; Antonia Rankersberger, violín; Siang Lyu, viola; e Ivan Valentin Hollup Roald, violonchelo. [Máis información]

Xoves, 7 de novembro. Auditorio Municipal. Sala Principal. 20.30 h. O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia.

Obra gañadora da última edición do Premio de Teatro Manuel María. Unha obra dirixida a todos os públicos baseada no texto O meu mundo non é deste reino ou farsa de Bululú, unha parodia sobre a ditadura franquista. María Peinado, Fran Lareu, Anxo García ou Germán Gundín, entre outros, dan vida a un par de trapeiros fan unha parada no seu camiño despois de días de longa viaxe. Traen consigo unha carga enorme de obxectos estraños. Abraiados ante a abundancia de público, dispóñense a situar as súas pertenzas no espazo con ánimo de venderlle algunha aos alí reunidos. Coma os máis experimentados vendedores de fume, deixan o seu ben máis atesourado para o final; un tutilimundi que contén nos seus adentros o condenado reino de Bululú e os seus habitantes. E aí dá comezo a farsa.

Sábado, 9 de novembro. Auditorio. Sala Principal. 21.00 h. Michael Legend, de Rababiero Promocións Artísticas

Considerado como o mellor musical tributo a Michael Jackson na actualidade, é un espectáculo onde poderemos ver o mellor dobre do mundo xunto a unha banda de músicos e a un grande equipo de bailaríns, coristas e artistas convidados. Un espectáculo para todos os públicos sobre a xira de concertos This is it (2009) que ofrece o repertorio máis coñecido do Rei do Pop: Beat it, Billie Jean, Human Nature, Thriller, Man in the Mirror, Smooth Criminal, etc.

Domingo, 10 de novembro. Auditorio, Sala Azul. 12.00 h. Os romeiros do caracol, de Fantoches Baj.

Os irmáns Quintá percorren o camiño de volta de San Andrés de Teixido logo de cumprir a ofrenda que lle prometeran ao seu defunto avó de levalo en forma de caracol, xa que non fora de vivo. Teatro de monicreques para a cativada.

Domingo, 10 de novembro. Auditorio, Sala Principal. 20.30 h. Hijo de la luna - Tributo a Mecano, de Green Cow Music

Espectáculo para todos os públicos que recrea a última xira de Mecano, incluíndo novas coreografías, luces e cancións: Me cuesta tanto olvidarte, Maquillaje, Cruz de navajas, La fuerza del destino, Barco a Venus, Mujer contra mujer... Para conmemorar o 25 aniversario da súa última xira, nace este proxecto tributo ao grupo máis importante do pop español. Un concerto que ofrece ao público unha reprodución clonada da mítica xira, rescatando ademais, outros grandes éxitos da banda na voz da cantante Robin Torres.

As entradas pódense adquirir en  Ataquilla  Sala de Exposicións Afundación e no despacho de billetes do Auditorio dúas horas antes da función.