Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

As compañías de teatro Matarile e Sarabela presentan esta fin de semana, no Auditorio de Ourense, as súas propostas teatrais dirixidas ao público adulto e infantil, respectivamente. Será dentro dunha programación cultural que comeza o venres coa presentación do novo disco d'A Banda da Loba. As entradas para os tres eventos pódense adquirir en na páxina web de Ataquilla no teléfono 902 504 500, na sede de Afundación (Praza Maior, 4) e no despacho de billetes do Auditorio dúas horas antes de cada función.

Venres 14 de febreiro, 20:30 horas. 6 euros. Todos os públicos.

A Banda da Loba. Presentación do disco Fábrica de Luz (2019)

Despois do éxito acadado co seu primeiro disco, Bailando as rúas (2017), a banda estradense presenta o seu segundo traballo, Fábrica de Luz (2019), composto por doce cancións que prometen non deixar a ninguén indiferente. É un traballo de creación, reflexión e homenaxe en torno á idea de nai entendida nun sentido amplo. A lingua e a terra, son as primeiras nais, fábricas de luz. As creadoras que nos precederon e as que nos acompañan nesta viaxe son tamén fábricas de luz. As nosas nais, as vosas nais, todas as nais son fábricas de luz. Son fogar, tempo e amor incondicional. Son poder, loita e memoria. Son todo o que nos permite ser hoxe tamén fábrica de luz.

Sábado 15 de febreiro, 20:30 horas. 8 euros. Público adulto.

Daimon y la jodida lógica, de Matarile Teatro

Anxo ou demo, o murmurio da voz interior que detén ou empurra. Significado que podemos interpretar pero non comprender. Alma, animal interior: profundo, fatal, opaco. Presenza oculta, imprevisible, que determina actos e decisións que non podemos explicar racionalmente. Ás veces agochado e ás veces por diante dous pasos. Ocúpanos,acompáñanos,céganos,impúlsanos. Entra aínda que pechemos a porta. Dirección de Ana Vallés.

Domingo 16 de febreiro, 12:00 horas. 3 euros. Infantil (5-12 anos).

Proxecto Noé, de Sarabela Teatro

Tres pingüíns, o diluvio universal e dous únicos boletos para a arca de Noé son os elementos desta historia narrada cunha linguaxe sinxela e contundente.

Os pingüíns reflexionan sobre a natureza, sobre o valor da amizade: como facer para salvarse os tres cando só teñen dúas pasaxes? Cando está permitido e cando non romper as regras? Que xustifica facelo?

Exposicións. Até o 16 de febreiro.

Sala Valente | Retrospectiva, Carmucha Vázquez Prats.

Museo Municipal | Fragmentos de existencia, de Francisco Ramos.

Museo Municipal | Inquietudes, de Fernando Prieto.