Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

A popular historia O libro da selva, orixinal de Rudyard Kipling, chega este domingo ao Auditorio (12:00 h) en formato de teatro musical da man de Teatro Avento. A compañía galega realiza en Ourense a segunda parada na xira de estrea da súa nova montaxe, que iniciara o pasado domingo enchendo de público o Auditorio de Vigo. O espectáculo de Teatro Avento ponlle cancións e coreografías a esta eterna historia, pola que non pasa o tempo, que fala de valores como a camaradería, o sentido de comunidade, e a tolerancia aos distintos a nós. As entradas pódense adquirir na páxina web Ataquilla, no teléfono 902 504 500, na Sede de Afundación (Praza Maior, 4) e no despacho de billetes do Auditorio dúas horas antes da función.

Avento Producións Teatrais é unha compañía fundada en 1985 e que foi referente teatral en Vigo nesa época, acadando a nivel non-profesional 70 premios en certames nacionais. Na actualidade, como compañía profesional, realiza musicais teatrais dirixidos ao público familiar, buscando a diversión e a creación de novos públicos, con4 espectáculos estreados: Laranxus 7, O Mago de Oz, Fantasticks e Hansel e Gretel.

Sinopse

Mowgli é curioso, desobediente, parvo e ousado. Así como calquera rapaz que coñezas, sabes? Esta nova adaptación da historia de Rudyard Kipling fala sobre a estraña historia dun neno perdido na selva india. Acabará sendo adoptado por Baloo o oso, a pantera Bagheera e todos os animais que chaman á misteriosa xungla, fogar. Esta adaptación de ritmo rápido manterá pegado ao público ao borde do asento mentres Mowgli se atopa cara a cara con monos folgazáns, voitres ruidosos e o seu inimigo mortal: o tigre Shere Khan.

O libro da selva, publicado en 1894, é unha colección de historias escritas polo inglés nacido en India, Rudyard Kipling (Bombay, 1865 – Londres, 1936), o primeiro escritor británico en ser galardonado co Premio Nobel de Literatura en 1907. A historia, que foi inicialmente publicada en revistas, baséase en contos que formulan reflexións morais e protagonizados por nenos (un deles con capacidade para falar cos animais) e por animais con capacidade para razoar e falar. Aínda que a obra orixinal estaba dirixida a un público adulto, a súa adaptación cinematográfica por Walt Disney fíxoa moi popular entre o infantil.