Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

Música jazz con Alfonso Medela Trio e Diana Tarín, mistura de sons de Galicia e Marrocos con Tandub, teatro con Lagarto Lagarto e danza co festival Corpo (a) terra son as catro propostas de actividades culturais para esta semana que realiza a Concellería de Cultura do Concello de Ourense.

Comezan mañá, mércores 26 de agosto co cuarto e último do ciclo de concertos que este verán ofrece Alfonso Medela Trío, acompañados por Diana Tarín, na terraza do Centro Comercial Ponte Vella. Será ás 20:30 horas, con entrada gratuita. Alfonso Medela é un recoñecido pianista e compositor do Carballiño. Profesor superior de Piano, é especialista en Jazz e Música Moderna, así como creador de máis dun cento de temas propios. Nestes concertos está arroupado pola súa formación habitual e a voz de Diana Tarín.

O xoves, 27, nova cita co Verán Cultural, ás 20:30 horas, na terraza do Auditorio, con Tandub. Un proxecto que nace do encontro entre músicos de Galicia e Morrocos. Na procura da fusión dos sons de ámbolos dous países xorde a mistura de influencias distantes entre si, pero con sorprendentes puntos en común. Unha viaxe polas músicas do mundo, dende o gnawa marroquí ao reggae.

O venres, 28, a proposta é o teatro. A compañía Lagarto Lagarto y Zaurca representará a súa versión de “Moito ruído e poucas noces”, orixinal de William Shakespeare, tamén ás 20:30 horas na terraza do Auditorio. É unha das obras de máis enredo do autor inglés, que se desenvolve na casa de dona Leonata, unha festa que comeza cun inocente cóctel que se transforma nun gran recibimento triunfal. A cousa promete en rematar co baile nupcial, pero despois do baile de máscaras comezan os estragos.

E o sábado, 29, desde as 21:00 horas, chegará á terraza do Auditorio o X Festival de danza e artes do corpo de Ourense Corpo (a) terra, que organiza trasPediante e no que colabora o Concello. Serán tres espectáculos, a cargo de ZumZum Teatre, o colectivo globo e David Loria.