O descenso, que atravesará a zona vella da cidade de Ourense, cruzando a Praza Maior e rematando nas Burgas, comezará ás 10:00 horas cos adestramentos libres, e desde as 16:30 horas cos primeiros descensos. O Pulpo Extreme colocará un valado de seguridade en todo o percorrido da proba, que estará supervisado por voluntarios da organización. Desde o Concello, recoméndase seguir en todo momento os consellos e indicacións dos voluntarios, que estarán perfectamente identificados e avisarán ao público a chegada dos participantes con chifres.
Espectáculo puro
O público poderá gozar dunha espectacular xornada durante todo o día. Logo de salvar as escaleiras do primeiro tramo, a organización destaca lugares coma a rúa Juan de Austria, onde haberá un interesante salto seguido dun wall ride na esquina de Santa Eufemia con Arcediagos. De seguido, chegarán á Praza Maior onde saltarán un Box de 7 metros que, sumados ás rampas, farán un total de 13 metros. Neste punto valorarase a habilidade dos participantes co best trick. A chegada á meta, co vertixinoso descenso pola rúa Calpurnia Abana, será outro dos puntos fortes do descenso.