Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Deportes

Áreas

Na sesión do Consello Reitor do día 29 de agosto aprobáronse, por unanimidade, os expedientes de contratación para a execución de gradas, vestiarios e céspede sintético no campo de fútbol de Vilar de Astrés e da substitución da cuberta do Polideportivo Municipal do Campo da Feira. Esta aprobación abre nos vindeiros días o prazo de presentación de ofertas das empresas licitadoras interesadas. Estes trámites administrativos veñen de longo -foi determinante a implicación da Asociación de Veciños e dos propietarios dos terreos necesarios para a ampliación-, segundo declara o concelleiro de deportes e Presidente do CMD, Mario Guede, iniciándose en xuño de 2018. E son un reflexo da aposta clara pola mellora das dotacións deportivas municipais do Goberno Municipal, apoiada de xeito leal por parte dos membros do Consello Reitor do anterior mandato: José Ángel Barquero (PSG), Miguel Doval (OUeC), Domingo Castro (DO), Jorge Pumar e Mario Guede, como Presidente (PP).

O apoio destes representantes foi unánime e transcendental na modificación de créditos extraordinarios que permite darlle amparo económico a estas obras. Mario Guede sinala que “sempre tivemos claro que a mellora das dotacións e instalacións deportivas da nosa cidade era un eixo primordial da nosa xestión, e así o amosamos no anterior mandato e seguiremos amosándoo no presente e no futuro”, algo materializado na reforma do Anexo do Pavillón dos Remedios, na reforma integral de todo o Pavillón dos Remedios que comezará en breve, na nova pista cuberta de Atletismo (que é unha das mellores de Europa) e na substitución do céspede en Oira e nos Remedios, por citar só algúns dos grandes proxectos xa materializados.

No caso do campo de fútbol de Vilar de Astrés é salientable a gran achega da Real Federación Galega de Fútbol, dirixida por Rafael Louzán, xa que a través dun convenio achegou o proxecto de execución desta obra (por un importe de 20.000 euros), que ampliará en gran medida a oferta de instalacións de fútbol de calidade na nosa cidade.

Este proxecto de Vilar de Astrés, supón unha inversión de 550.000 € e inclúe unha bancada para unhas 150 persoas, novos vestiarios, humanización da parcela e instalación dun céspede sintético de última xeración, con Certificado FIFA, ó igual que aos instalados no anterior mandato municipal en Oira e Os Remedios.

Cómpre salientar que o campo de Vilar de Astrés ten conexión co centro urbano por transporte público, o que fará posible que rapaces de toda a cidade fagan uso da instalación, dándolle resposta ás demandas do tecido asociativo.

Xunto a este proxecto estrela para as instalacións deportivas ourensáns, xúntanse o da renovación da cuberta do polideportivo do Campo da Feira, dotada con 120.000 euros, que paliará os problemas de illamento térmico existentes nesta instalación, atendendo así á petición dos rapaces e rapazas que realizan alí os seus adestramentos en deportes como a ximnasia. Este investimento únese así aos xa realizados en melloras na eficiencia enerxética do Pavillón dos Remedios no aproveitamento de auga quente provinte das Burgas (90.000€), e outros equipamentos e canchas, como por exemplo a de Volei Praia de Oira, que ascenden a un total de 800.000€.

Todo isto financiado integramente con orzamentos propios do remanente de tesourería do Consello Municipal de Deportes, e postos a disposición co traballo dos técnicos e representantes políticos que conformaban e conforman o Consello Reitor.