Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Deportes

Áreas

O Consello Municipal de Deportes programa ata 13 eventos deportivos de gran dimensión e repercusión para festexar o Nadal na cidade. Os eventos comezan esta fin de semana no Pavillón dos Remedios co Torneo de Nadal de Ximnasia, unha proba consolidada que chega á súa 13ª edición, así como co Memorial Enrique Barredo, no polideportivo de Oira, a cargo da Asociación Galicia Haidong Gumdo.

A seguinte fin de semana terá lugar no Pavillón dos Remedios os días 20 e 21 de decembro o I Campamento de Esgrima Nadal 2019. Tamén terá lugar o domingo 22 de decembro, na piscina Rosario Dueñas, a exhibición de Nadal do Clube Natación Sincronizada Ourense.

Ao día seguinte, o luns 23 de decembro, outra cita de marcado carácter de Nadal celebrarase no Pavillón dos Remedios: o Torneo MacDonald’s Ourense. Nesa mesma semana, xa o venres, o balonmán será o protagonista en Os Remedios, coa celebración do Torneo Nadal de Balonmán. Ao día seguinte, o sábado 28, o protagonista será, tamén nos Remedios, o Torneo de Nadal de Fútbol Benxamín.

O remate do ano en materia deportiva chega da man da Carreira de San Silvestre, que este ano chega á súa 4ª edición. Unha aposta do anterior mandato municipal que cada ano vai medrando en repercusión e que xa alcanza os 1.000 inscritos que deciden despedir o ano cunha divertida carreira polo Centro Histórico da cidade.

O ano comezará con outro clásico do deporte ourensán: a Subida á Costiña de Canedo, unha proba apoiada desde o Consello Municipal de Deportes.

O venres 03 de xaneiro, o fútbol retomará o protagonismo no Polideportivo de Oira da man do Memorial Patelo. Ao día seguinte, o sábado 04 de xaneiro, e tamén en Oira, terá lugar o Campionato Galego Sénior Feminino de Hockei Sala. Outras dúas probas deportivas que se celebrarán ese día serán o Torneo de Reis Secundino Basalo no polideportivo da Carballeira, así como o Torneo de Nadal de Fútbol Prebenxamín no Pavillón dos Remedios.

“A actividade deportiva é intensa durante todo o ano en Ourense, e na época do Nadal sempre redrobramos os esforzos para convertela nun aliciente e nun atractivo fundamental dentro da programación navideña da cidade, compatibilizándoa coas importantísimas obras que se están a desenvolver no Pavillón dos Remedios”, sinala o concelleiro de Deportes, Mario Guede.