Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Deportes

Áreas

O próximo 4 de novembro a 75ª edición de 'laVuelta' ciclista a España chegará a Ourense nunha etapa con meta no Seminario Maior. Esta alternativa -a meta estaba inicialmente prevista no alto da rúa Pena Trevinca, á que os ciclistas accederían logo de percorrer as rúas máis céntricas da cidade- foi proposta polo propio alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, para cumprir coas restricións ás que obriga a pandemia da Covid19 e evitar aglomeracións no núcleo urbano.

Integrantes da organización de laVuelta desprazáronse onte para recoñecer esta alternativa in situ, que consideraron “espectacular” no plano deportivo e de retransmisión televisiva: o Seminario maior é un emprazamento ideal para observar a cidade a vista de helicóptero.

A proposta de Pérez Jácome inclúe tamén a aproximación a meta: en vez de entrar polo barrio da Ponte e percorrer o centro da cidade, o pelotón accederá á meta desde a N-120, pasando baixo as pontes máis significativas de Ourense. Ademais, os últimos 900 metros -dos case 200 km que percorrerán os ciclistas desde Lugo- contan con desniveis entre o 8% e do 9% desde o barrio de Vista Fermosa, e o trazado até o Seminario é idóneo para un emocionante final de etapa.

A organización de laVuelta considera que esta nova variante permite cumprir coas restricións sanitarias -evitar aglomeracións e público nos últimos metros- e é compatible coas necesidades da organización, xa que o campo de fútbol das instalacións do Seminario pode acoller toda a caravana ciclista.

Pérez Jácome asegura que “non hai mal que por ben non veña”: e é que Ourense, xunto con Madrid, será a única grande cidade con final de etapa, o que garante “unha notoria repercusión mediática” ao tempo que se evita calquera risco para a cidadanía. A caravana de laVuelta, pola súa banda, ten as súas propias medidas de seguridade fronte á Covid19, xa que todos os integrantes realizan probas PCR, e atravesan o país nunha sorte de 'burbulla'.