Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Deportes

Áreas

La Vuelta Ciclista a España amosará mañá, mércores, 4 de novembro, a cidade de Ourense a centos de miles de espectadores a través da retransmisión por televisión. Ourense será punto de chegada dun dos maiores eventos do deporte en España, que se segue en 190 países e reúne audiencias de case dous millóns de espectadores (no caso da etapa do pasado domingo en TVE). Será “un día histórico” para a cidade, en palabras do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, quen pon en valor o feito de que Ourense e Madrid son as dúas únicas urbes que serán meta dunha etapa de La Vuelta.

O rexedor subliña que o evento suporá unha “promoción impresionante” para a cidade, e pide “prudencia e colaboración cidadá para que todo o mundo se leve unha grande impresión de Ourense”. Por motivos de seguridade, prégaselle á cidadanía que se absteña de achegarse á ruta, dada a situación sanitaria pola pandemia da COVID-19, e desfrute do espectáculo a través da televisión.

A etapa, procedente de Lugo, prevé o paso do pelotón pola Nacional 120 percorrendo as pontes da cidade, por debaixo ou en superficie, e rematará cunha espectacular chegada en costa ao Seminario que garante emoción, dificultade e vistosidade á carreira. Deste xeito, a etapa, avanza o alcalde “vai inmortalizar o Seminario e pon en valor as vistas, xa que é o miradoiro máis bonito que temos en Ourense”.

A rota pola cidade comezará cun primeiro paso pola Nacional 120, en sentido Monforte-Ourense, até chegar á rotonda de Pardo de Cela (segundo as previsións horarias, será entre as 16:10 e as 16:37 horas). Logo o pelotón cruzará a Ponte do Milenio, entrará no barrio da Ponte e sairá da cidade pola Nacional 120 cara o alto da Abelaira, Palmés, Pradobó, Trasalba, Outeiro, Untes, Barrio, e volta á cidade, cruzando a Ponte do Ribeiriño, rúa Mateo de Prado e enlazar coa subida ao Seminario, onde rematará a carreira. A chegada prevese entre as 16:50h (no mellor dos horarios previstos pola organización, caso de que o pelotón rode a unha velocidade de 41 km/h) e as 17:30 horas (se o fai a 37 km/h).

Espazos reservados e cortes de tráfico

O Concello prégalle á cidadanía que desculpe as molestias que ocasionan os cortes de tráfico programados, necesarios para o desenvolvemento dunha proba que garante un sensacional impacto de público e promoción da cidade en España e no mundo.

Por este motivo, resérvanse espazos para La Vuelta nas rúas Francisco Añón Paz, Bispo Lourenzo, Praza Alfonso Alcaraz, rúa Poeta Manuel Antonio, estrada de Reza (tramo comprendido entre a glorieta de Ervedelo e Avda. Vista Hermosa), Francisco Lloréns, Avenida Vista Hermosa, N-120, saída Centro Comercial e o carril de acceso ao Pavillón dos Remedios pola N-120

Mañá, mércores, pecharanse ao tráfico desde as 7:30 horas a avenida Vista Hermosa e a rúa do Bispo Lourenzo. Desde as 15:00 horas, tamén a N-120 dirección Monforte desde acceso Pardo de Cela até o final do termo municipal, Pardo de Cela desde Glorieta de Concepción Arenal até a N-120, rúa Greco tramo entre as rúas Francisco Lloréns e Remedios, Francisco Lloréns desde rúa Greco até Ponte Lebrona, Mateo de Prado, estrada de Reza desde Ervedelo até Avda. Vista Hermosa, estrada de Subida a Nom de Deu, rúa Pablo Iglesias, acceso N-120, C-546 (estrada de Velle) acceso a N-120, N-525 tramo desde Glorieta Ervedelo á rúa Basilio Alvarez, N-120 desde rúa Basilio Álvarez até Eirasvedras, Sampaio acceso a N-120, cemiterio As Caldas, acceso a N-120, Basilio Álvarez entre Victoria Kent e N-525, Xesús Pousa dirección Basilio Álvarez e Eulogio Gómez Franqueira acceso a N-120.