Praza Maior 1 988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Deportes

Áreas

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu esta mañá no salón de plenos ás directivas das federacións galega e española de hóckey, que lle agradeceron a súa receptividade e apoio, especialmente coa reforma do campo de Mariñamansa, una instalación que albergará en xaneiro de 2022 un partido de carácter internacional desta disciplina.

Foi o propio presidente da Federación Española (FEH), Santiago Deó, quen quixo expresarlle persoalmente a súa gratitude polo proxecto de reforma da instalación e accesos ao campo -mesmo a demora no inicio da súa execución para que puidese albergar a Fase Final do Campionato de España de Seleccións Autonómicas masculina e feminina Sub 14, celebrada a última semana de febreiro-. Para a Federación española de Hóckey, a importancia deste proxecto radica no seguimento das liñas marcadas no Plan Director da Federación Galega de Hóckey (FGH), e que adapta as instalacións ás normativas internacionais deste deporte.

Xunto á comitiva da FEH, composta polo seu presidente, secretario xeral e director deportivo, tamén asistiu unha delegación da FGH, que celebrou a proposta de inaugurar o campo municipal de Mariñamansa cun evento relevante. A par, celebrarase en Ourense, no Pazo Paco Paz, o Campionato de Europa de Hóckey Sala Feminino, entre os días 21 e 23 de xaneiro.

Medio millón de euros. O proxecto de mellora do campo de Mariñamansa prevé a substitución de céspede e a realización de obras complementarias, cun orzamento total de 473.226,70 euros e 3 meses de prazo de execución.

As obras son necesarias xa que a superficie da instalación municipal superou a súa vida útil, e o desgaste do pavimento xera problemas de agarre para os deportistas de todas as idades. A maiores do risco para as persoas, valórase o elevado custo dos continuos labores de mantemento.

Entre as actuacións previstas, instalarase un céspede artificial de última xeración que conta co certificado da FIH Global Category, o que permite a celebración de partidos internacionais.