Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Deportes

Áreas

O Consello Municipal de Deportes de Ourense (CMD) presentou o programa de actividades e calendario de competicións deportivas para o programa das Festas de Ourense, que transcorre desde o 22 até o 30 de xuño. Durante os nove días festivos, o Concello de Ourense aposta por eventos culturais e deportivos nas rúas e instalacións deportivas da nosa cidade.

En total, son 15 as modalidades deportivas incluídas no programa, desde as máis populares ás menos visibles ao gran público: kickboxing, wushu, natación sincronizada, hóquei, fútbol, vólei praia, chave, xadrez, atletismo, fútbol sala, baloncesto, ximnasia deportiva, natación, piragüismo ou escalada.

O CMD busca, como fin de tempada e coincidindo coa semana grande de festas, poñer de manifesto a grande vitalidade da que goza o deporte na nosa cidade. Estes actos, promovidos ben de xeito directo, ben a través do tecido asociativo, procuran reforzar na nosa cidade a oferta deportiva que enche as nosas instalacións e rúas durante todo o ano.

Son máis de trinta eventos dirixidos a que os seguidores do deporte e calquera persoa goce movéndose como outro xeito de festexar a semana grande de festas, e perseguen o obxectivo de que o deporte e a actividade física sexan fontes de saúde e parte indispensable na vida dos nosos veciños.

Á presentación deste programa hai que lle engadir a apertura das piscinas de Oira e dos Remedios e unha serie de melloras nas instalacións deportivas municipais.