Con esta actividade, a Concellería de Educación continúa coa súa vocación de fomentar entre o alumnado a asistencia e o gusto polo teatro e promovendo que a mocidade coñeza os grupos de teatro da cidade. Como en anteriores ocasións a obra compleméntase con material pedagóxico para un maior aproveitamento e neste caso, o profesorado asistente conta cunha unidade didáctica e coa posibilidade dun coloquio co director, Tito Asorey e os actores e as actrices da obra no propio centro de ensino os días posteriores á representación
Resaca, estreada esta semana, no Auditorio Municipal, é a terceira montaxe de ilMaquinario Teatro, despois do éxito acadado con O Home Almofada (2012) e Perplexo (2014).
Tras dous espectáculos creados a partir de obras de autores estranxeiros, a compañía quere apostar por unha dramaturxia de creación colectiva achegada ás premisas do teatro documental.
Resaca é un espectáculo multidisciplinar no que o teatro conversa coa performance, a poesía, a narración oral e a música en directo para tratar de recompoñer a historia da vida de Álex, unha persoa común que dalgunha maneira resume e simboliza o sentir dunha xeración que continúa buscando o seu lugar nun mundo que se atopa en proceso constante de transformación e crise.
O público en xeral pode tamén asistir á representación da obra nas sesións programadas para o venres, ás 20:30 horas; o sábado, ás 20:30 horas e o domingo ás 19:00 horas.