Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Educación

Áreas

A Concellería de Educación do Concello de Ourense organiza un encontro do escritor Jordi Sierra i Fabra con escolares dos centros educativos da cidade (5º e 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO), dentro do programa Animación á Lectura. Será o día 24 de marzo, ás 11:30 horas, no Auditorio. Asistirá o alumnado dos centros que o desexen e, dada a popularidade do relator, destinarase a parte superior do Auditorio a público en xeral.

Neste encontro, Sierra i Fabra, premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil e Medalla das Belas Artes daralles a coñecer o seu método e experiencia, e abordará coa mocidade os auténticos valores da lectura e a escritura, así como as claves de ter unha vocación clara a unha idade temperá. E é que Jordi Sierra i Fabra descubriu con só oito anos que ía ser escritor. Tras máis de corenta anos dedicándose ao seu soño conseguiu publicar máis de 500 obras, vendeu máis de 13 millóns de exemplares, foi traducido a máis de 30 idiomas e gañou 40 premios literarios de prestixio. Desde a década do oitenta, é un dos escritores máis lidos en escolas de España e América Latina.

Sierra i Fabra compartirá as súas vivencias cos estudantes que se acheguen a coñecelo. Todos eles poderán formularlle as súas preguntas. Un vídeo publicado recentemente na web do diario El País:  "Leer me salvó la vida, escribir le dio un sentido", como parte da serie de filmacións do programa Aprendemos Juntos, de BBVA conseguiu miles de visualizacións tanto en España como en América Latina. En só dúas semanas desde a súa emisión situouse entre os vídeos máis vistos de Youtube con máis de 12 millóns de espectadores. Moitas escolas decidiron compartilo nas súas clases polas valiosas mensaxes que transmite.

Aquí tes o vídeo: Vídeo de Jordi Sierra en Aprendemos juntos

Fundación Sierra i Fabra


En 2004, Jordi Sierra i Fabra creou a súa fundación en Barcelona e en Medellín, Colombia, como culminación de toda unha carreira e do seu compromiso ético e social. Desde entón concédese o premio que leva o seu nome a un novo escritor menor de dezaoito anos. En 2010, as súas fundacións recibiron o Premio IBBY-Asahi de Promoción da Lectura. En 2013 inaugurouse o Centro Cultural da súa Fundación en Barcelona e en 2015 recibiu a Medalla de Honra da súa cidade natal.