A Concellería de Educación do Concello de Ourense ten como obxectivos prioritarios intentar acadar a mellora da calidade do ensino e favorecer o acceso á formación en igualdade de oportunidades.
Para conseguilo a Concellería traballa en dous campos principais; por unha banda, leva a cabo unha política de mellora da calidade de infraestruturas e mantemento dos centros públicos municipais a través do contacto cos centros nas reunións do Consello Escolar Municipal; e por outra banda, a través da oferta dunha serie de programas e actividades educativas que axudan a completar e consolidar a formación dos escolares.
As competencias do Concello en materia de Educación están definidas na normativa vixente, e resúmense en: planificación educativa, xestión de infraestruturas educativas, formación e promoción no ámbito educativo, educación non regulada (Escola Municipal de Música e Escola Municipal de Idiomas), Escolas Infantís,Consello Escolar Municipal, Consellos Escolares de Centro, Cidade Educadora e as actividades extraescolares. Polo tanto son competencias da Concellería:
- Colaborar cos centros educativos no impulso das actividades extraescolares e promover a relación entre a programación dos centros e o contexto socioeconómico no que desenvolven a súa tarefa.
- Garantir a orientación académica, psicopedagóxica e profesional do alumnado escolarizado nas etapas de ensino obrigatorio.
- Conservar, manter e vixiar os edificios destinados a centros de educación infantil, primaria, dependentes da Administración educativa.
- Cooperar co goberno autonómico na obtención dos solares necesarios para a construción de novos centros docentes.
- Establecer convenios de colaboración con outras administracións en relación coas ensinanzas de réxime especial.
- Facilitar e posibilitar o uso dos centros docentes fóra do horario escolar para actividades educativas, culturais, deportivas e outras de carácter social.
- Iniciar actuacións que posibiliten o desenvolvemento das escolas infantís existentes ou crear novas, establecendo convenios co goberno autonómico e/ou cos centros privados de educación infantil da cidade.
- Realizar o seguimento das actuacións municipais, na súa globalidade e sempre desde un punto de vista transversal, en canto ás competencias obrigatorias:mantemento e reparación dos centros, vixilancia, adscrición de conserxes ós centros, funcionamento das instalacións relacionadas con subministracións e limpeza.
- Facer efectiva e útil a representación do Concello nos consellos escolares dos centros docentes públicos.
- Asegurar que na constitución do Consello Escolar Municipal (CEM) estean representados todos os sectores afectados na comunidade educativa.
- Potenciar a participación da cidadanía no Consello Escolar Municipal.