Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Educación

Áreas

A programación da Concellería de Educación para o curso escolar 2018-19 vén cargada de novidades, con especial énfase en promover o civismo e a sensibilidade co Medio Ambiente entre a rapazada ourensá, pero tamén cunha aposta por reforzar as actividades para adultos, en especial a través da Universidade Popular. A principal novidade deste curso será a posta en marcha dos cursos “Educación en Valores”, dirixidos a nenas e nenos desde Educación Infantil ata a ESO, e que prevén acadar entorno a 919 participantes.

Serán cinco actividades diferentes: “Charlas sobre alcoholismo”, “Coñécete: Educación Sexual” e “Medrando en Igualdade”, dirixidas a nenos de sexto de Primaria e de ESO; “Sensibilización contra o vandalismo urbano”, para nenos de ESO e “Axudo a coidar da miña cidade”, para nenos de Educación Infantil.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, destaca que “a través destas propostas queremos transmitir a nosa cativada os valores sociais, que se sintan parte integrante da nosa cidade e que participen no seu día a día a través de accións cotiás de civismo”.

“Apostamos por darlles aos participantes nestas cinco actividades as ferramentas para que poidan desenvolver pola súa conta valores tan importantes como a igualdade de xénero”, sinala o rexedor.

Pero este ano tamén haberá novidades no programa “Educación en Medio Ambiente”, que se realiza para nenas e nenos dos Centros de Educación Infantil e Primaria.

Dúas novas actividades reforzarán as propostas habituais de “Ti reciclas, Ourense gaña”, para promover a reciclaxe; “Caderno de Campo”, para coñecer as árbores da contorna e a Visita a Equal (o albergue xuvenil e Centro de Educación Medioambiental situado en Coles). Serán: “Ti contas. Incendios Forestais” e “Apadriña unha rúa”.

“Son dúas propostas coas que queremos que a nosa cativada se implique co seu Medio Ambiente e participe de forma activa na defensa da súa contorna”, dixo o alcalde Jesús Vázquez.

Estas actividades formativas completaranse coas tradicionais propostas de “Educación en Saúde.

Programación ambiciosa

Son as principais novidades dunha programación moi ambiciosa que prevé achegarse a milleiros de participantes a través de actuacións moi diferenciadas e para un público maioritariamente infantil.

É o caso das actividades de Conciliación Familiar (en Semana Santa e verán) ou das que pretenden achegar o teatro ás escolas, polas que neste curso xa pasaron máis de 3.800 alumnos e alumnas.

De aquí a fin de curso, no apartado de Artes Escénicas na Escola están programadas, entre outras, actividades de Entroido; con motivo da Semana das Letras Galegas; a representación de “O empapelado amarelo”, baixo dirección de Tito Asorey; a Mostra de Teatro Escolar de Ensino Secundario; o VII Certame de Microrrelato on line en lingua galega e o VII Concurso de Deseño de Carteis.

En materia de Educación Viaria, Prevención e Seguridade está prevista a participación de máis de 5.000 nenas e nenos nas actividades previstas ao longo do curso. Como novidade presentarase “Os detectives da mobilidade”, pero tamén haberá charlas sobre acoso escolar e Primeiros Auxilios, así como unha nova edición do Parque Infantil de Tráfico Móbil.

Este curso o Programa de Animación á Lectura contará con dez actividades, como visitas a Bibliotecas Municipais, conta contos, encontros con autores, tertulias en galego e castelán, ademais de diversos premios de relatos e literarios. As previsións da Concellería de Educación calculan que preto de 9.800 persoas participarán nestas actividades.

No Programa Coñece a túa cidade prevese a participación de preto de 5.000 persoas a través de oito propostas diferentes: Pasea pola túa cidade; visitas ao Salón de Plenos; percorridos pola Cidade (Ourense Artístico, Ourense Literario e a Ruta da Esmorga); na Escolma de Escultura do Museo Arqueolóxico; visitas ao Museo Municipal, ao Centro José Ángel Valente; colaboracións; e a través dos intercambios con Portugal.

A programación da Concellería de Educación completase co Programa de Exposicións, as actividades do Programa de Nadal, así como coas propostas con motivo dos Días con Nome Propio: o Día da Arbore (20 de marzo), o Día Internacional contra o Acoso Escolar (2 de maio) e o Dia do Medio Ambiente (5 de xuño).

Por último, as actividades da Concellería de Educación para a cativada contemplan as reunións cos representantes do alumnado no Consello Municipal de Infancia e Adolescencia.

As actuacións para maiores de idade vivirán este ano un novo reforzo. Así, está previsto que a Universidade Popular conte neste curso coa inscrición de 3.700 alumnos, fronte aos 3.037 do pasado curso, e están programados de momento un total de 140 cursos. Ademais, volverá haber Convenios de Prácticas pre-profesionais na Universidade de Vigo e en Bibliotecas, así como Cursos dirixidos ao Profesorado.