Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Educación

Áreas

Mil escolares de Infantil e Primaria participan nos campamentos de verán que organiza a Concellería de Educación do Concello de Ourense nos colexios da cidade. A concelleira María Teresa Rodríguez Garrido supervisou esta mañá o desenvolvemento da actividade, nunha visita ao CEIP Albino Núñez, no barrio do Pino. Este é un dos 7 novos centros que se incorporan este ano ao programa “Concilia Verán”. O Concello reforzouno para chegar a máis colexios (11 en total) e a máis participantes, aproximadamente o dobre ca en 2019, coa finalidade de atender as necesidades de conciliación familiar e laboral na cidade durante os meses de verán, cando nenos e nenas desfrutan das súas vacacións escolares, ao tempo que achegar o servizo a máis barrios da cidade.

Tamén coa mesma finalidade, esténdese a duración dos campamentos ao mes de agosto, para facilitarlles este mesmo recurso ás familias que o precisan nese mes. Os campamentos incorporan este ano todas as medidas de prevención e hixiene que se fan necesarias despois da pandemia da covid-19.

A concelleira visitará todos os campamentos ao longo da presente semana. Son en total 11 centros nos que se desenvolven de luns a venres actividades de carácter lúdico-éducativo para a rapazada, O horario é de 8:30 a 14.30 horas e participan nenos e nenas de 5 a 12 anos: desde 6º de Educación Infantil, rematado este ano, até 6º de Educación Primaria.

A Concellería de Educación organiza tamén actividades de verán para escolares na Aula da Natureza do río Miño, en Oira, cunha temática especialmente centrada no medio ambiente, dirixidas a alumnado de Primaria.