Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Educación

Áreas

O Concello de Ourense presentou unha nova edición da Universidade Popular unha iniciativa que un ano máis bate récords, cunha oferta de 140 cursos, un 5,2% máis que na pasada edición e cun aumento de máis dun 30% no número de prazas: até 3.954 matrículas.

Así o confirmou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, durante a presentación da programación para o curso 2018/2019, no que cobran unha especial significación as novas actividades formativas, un total de 37. “Con elas abarcaremos novas temáticas tan diversas e tan de actualidade como a lei de protección de datos, o uso dos desfibriladores, o acoso escolar, a educación a través dos libros, a igualdade, a violencia de xénero ou a estimulación multisensorial das persoas maiores, entre outras”, dixo o rexedor.

Ademais, debido á demanda detectada o curso anterior, ofértase un curso máis de ioga, outro de ximnasia hipopresiva e un nivel avanzado de alemán.

En total serán 140 cursos, dos que 126 serán presenciais e 14 on line. O prazo de inscripción abrirase o luns, 1 de outubro, ás 9:00 horas e os interesados poderán inscribirse a través da páxina web da Concellería de Educación, ou de forma presencial na propia concellería ou na Oficina de Atención ao Cidadán (en horario de 09:00 a 14:00 horas).

Jesús Vázquez destacou o enorme interese que están a ter os cursos da Universidade Popular e a resposta do Concello incrementando de xeito exponencial o número de prazas. Así, no curso do 2014-2015 houbo 2.577 matrículas, mentres que este curso serán 3.954, o que supón un incremento do 53,43% no número de alumnos (1.377 matriculados máis). “Non hai obxectivo máis importante que traballar para facer o coñecemento accesible a persoas de todas as idades, perfís e condicións, como fai ano tras ano, a Universidade Popular”, sinalou o alcalde ourensán.

Pola súa banda, a concelleira de Educación Belén Iglesias destacou que a importancia da Universidade Popular por ser “unha aposta pola formación permanente e ao longo de toda a vida”. Tamén explicou que os cursos están organizados en torno a seis eixos fundamentais: Idiomas; Novas Tecnoloxías; Corpo, Saúde e Calidade de Vida; Cultura, Coñecemento e Ocio; Intervención Social e Formación para o Emprego; e Artesanía.

Os cursos e horarios pódense consultar na páxina web da Concellería de Educación: www.educaciónourense.com

Os interesados poderán inscribirse nun máximo de catro accións formativas. O prezo da matrícula será de 33 euros. Para obter o diploma acreditativo será necesario asistir ao 85% das horas totais do curso.

Toda a información en Web da Concellería de Educación