Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Educación

Áreas

A Concellería de Educación iniciou esta mañá a actividade “Dobraxe na Escola”. Durante tres días (9 a 11 de marzo), os dobradores profesionais Suso Pando e Manuel Pombal achéganlle á rapazada a técnica da dobraxe, concretamente a das películas de animación para que coñezan esta ferramenta máxica e novidosa que é capaz de captar a atención dos nenos e das nenas, sobre aspectos básicos na comunicación oral, como cadencia, ritmo ou a intención.

A técnica da dobraxe fai que nenos e nenas traballen aspectos tan importantes como a concentración, a empatía e a colaboración en equipo; ao tempo que lles motiva para se divertiren na nosa lingua. No día de hoxe participaron 75 nenos e nenas -na foto de 6º de Primaria do colexio Padre Feijóo-Zorelle-.

A actividade desenvólvese no Liceo, e está incluída no programa de Animación á Lectura

Ao comezo, os monitores fan un xogo dramático no que contan todos os pasos da creación dunha película, desde a elaboración do guión ata a dobraxe. Logo ensaian coa rapazada un fragmento, aprendendo a encaixar as propias voces nas bocas dos personaxes. Logo elixen dobradores e dobradoras, len o guión, ensaian, gravan e escoitan o resultado.

Participan nesta actividade un total de 207 nenos e nenas de 6º curso de Primaria (11, 12 anos) de 8 centros de ensino públicos e privados da cidade. Hoxe foron nenos e nenas dos centros educativos San Pío X, Padre Feijóo e Curros Enríquez. Mañá participará alumnado de Vistafermosa, Manuel Sueiro e Covadonga, e pasado mañá do Mestre Vide e Seixalbo.