Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Igualdade

Áreas

O Concello de Ourense elaborará un estudio pioneiro a nivel nacional para detectar os espazos urbanos percibidos como inseguros polas mulleres co obxectivo de “detectar as necesidades das mulleres respecto ao uso de espazos públicos e para elaborar ferramentas que permitan que o uso destes non sexa limitativo por cuestión de xénero”.


Así o explicou a concelleira de Igualdade, Sofía Godoy, durante a presentación do proxecto “Estudo: Diagnóstico do hábitat e da convivencia igualitaria na cidade de Ourense”; que se realizará en colaboración coa consultora Rizoma Social, formada por expertos da Universidade de Vigo e nos ámbitos sanitario e sociolóxico.
Trátase dunha iniciativa única no territorio nacional, que está enmarcada no terceiro Plan de Igualdade do Concello de Ourense e que quere dar resposta ao seu punto 10, no que se avoga por promover a igualdade nos espazos públicos da cidade.


Sofía Godoy destaca a orixinalidade deste proxecto que aposta por “adoptar unha perspectiva de muller tras escoitar ás interesadas, que teña en consideración que existe unha distribución dos espazos urbanos en clara desigualdade de xénero” e co obxectivo de “previr situacións de risco en zonas públicas que non deberían supoñelo”.
“O noso deber é tomar medidas. Tamén perseguir a igualdade no deseño dos espazos públicos e na corrección dos xa deseñados”, explica a concelleira de Igualdade.


Godoy explicou que “vai tempo que estabamos a darlle voltas a realización deste estudo, non porque haxa zonas inseguras senón porque debemos trazar a liña da cidade que queremos para o futuro”. Pero tamén destacou que este proxecto ten que ofrecerlle resposta a situacións como o caso de Socorro Pérez ou a concentración espontánea do pasado 18 de decembro de máis de 300 persoas que reivindicaron na rúa o dereito das mulleres a correr soas onde, como e cando desexen.

Metodoloxía do estudo

Fátima Braña Rey, doutora en Antropoloxía aplicada e Licenciada en Ciencias Políticas e Socioloxía, incidiu en que este estudo pretende dar resposta a catro puntos fundamentais.


Detectar as necesidades da poboación feminina respecto o uso do espazo público na cidade; determinar si existen zonas inseguras e elaborar ferramentas de prevención para que o uso destes espazos non sexa limitativo por cuestión de xénero. Tamén analizará os factores que contribúen á percepción do medo por parte das mulleres e establecer recomendacións dirixidas a potenciar a súa autonomía e empoderamento.


Braña Rey expuxo a metodoloxía a seguir neste proxecto, que pasa por realizar enquisas a entidades e asociacións de mulleres “para ter datos de primeira man para realizar un diagnóstico de cómo perciben a situación”.


A continuación, estableceranse grupos de discusión para coñecer como perciben as mulleres da nosa cidade o espazo urbano; e tamén se realizarán entrevistas con mulleres en situación de vulnerabilidade. O proxecto completarase cun proceso de observación participante, que consiste nunha observación directa sobre o terreo, barrio por barrio escoitando as inquedanzas de mulleres e veciños.


A elaboración do informe terá un prazo inicial de execución de cinco meses, período de tempo que Braña Rey destacou como o necesario para redactar o informe das conclusións e para ofrecer un conxunto de recomendacións dirixidas á autonomía e uso igualitario dos espazos públicos de Ourense.
Sofía Godoy confirmou que estes resultados e recomendacións achegaranse a todas as concellerías e as entidades de cada barrio para que se poidan aplicar no día a día da cidade.