Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Igualdade

Áreas

O Concello de Ourense descubriu unha placa en homenaxe a Asunción González, a primeira vítima de violencia machista documentada na cidade, ao abeiro dos actos programados este xoves con motivo do Día Internacional das Mulleres e que comezaron coa lectura da declaración institucional da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) con motivo do 8 de marzo.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, reivindicou esta data para “implicar decididamente a toda a sociedade na necesidade de acadar a equidade real de oportunidades entre mulleres e homes”. “Queda moito por facer, somos conscientes delo; mais tamén quero subliñar que está nas nosas mans conseguilo se facemos o preciso”, abundou o rexedor.

A continuación dúas mulleres de etnia xitana que participan no programa Promociona, Jennifer Jiménez Jiménez, e Margarita Lorenzo Montoya, leron un manifesto no que amosaron o seu “apoio e compromiso coa defensa e igualdade de dereitos de todas as mulleres, especialmente as de etnia xitana”.

Neste sentido aproveitaron a súa intervención para pedir “acabar cos estereotipos que impiden que se nos mire como desexamos, como somos de verdade: estudantes, nais, mulleres que queren unha educación de calidade e defensoras do dereito a igualdade”.

O acto contou coa proxección dun traballo de video, “San Francisco. O destino da alma”, realizado polo director Marcos Pardo. O documental reivindica a historia da primeira muller rexistrada na nosa cidade como vítima da violencia de xénero, Asunción González a “Pobre Asunción”, que morreu asasinada na procesión do Venres Santo do ano 1891.

Momentos antes da proxección, un dos sobriños biznetos de Asunción González, Gonzalo García Lopez, rememorou a historia da súa antepasada e reclamou unha maior sensibilidade na loita contra a violencia de xénero.

Lectura do manifesto da FEMP

A concelleira de Igualdade, Sofía Godoy, foi a encargada de dar lectura ao manifesto da FEMP, que este ano fai especial fincapé no papel que xogou a Constitución Española á hora de reivindicar as mulleres, especialmente a través da súa presenza na vida política municipal.

“O oito de marzo, Día Internacional da Muller, sempre é unha invitación para reflexionar sobre os avances acadados en materia de igualdade de xénero; e unha oportunidade para centra a acción e fixar cara a onde queremos dirixirnos. Sen embargo, cando se cumpren 40 anos de Democracia local, esta oportunidade obriga a mirar atrás para non esquecer de onde vimos”, relatou Sofía Godoy.

Tras a lectura do manifesto, os asistentes ao acto, entre os que se atopaban os deputados Celso Delgado e Ana Blanco; o portavoz do PSOE no Concello, Ángel Vázquez Barquero; membros do grupo de goberno e representantes da vida cultural, social e asociativa da cidade, asistiron á descuberta dunha placa na fachada da Consistorial como homenaxe á primeira vítima coñecida da violencia de xénero na nosa cidade.