Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Igualdade

Áreas

O Concello de Ourense pon en marcha un novo programa para fomentar a igualdade e a diversidade, “Cuestión de respecto”, que se desenvolverá en seis centros educativos de Educación Secundaria e formación profesional da cidade.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, a concelleira de Igualdade, Sofía Godoy, e Raquel Crespo, responsable de APES, Asociación para a Prevención e a Educación Social, presentaron esta nova iniciativa, que ten como finalidade sensibilizar en materia de igualdade e chegar a detectar ou/e previr situación de abuso e maltrato nos centros educativos.
Desenvolveranse nos centros actividades de análise e de reflexión en materia de diversidade para dotar a mozos e mozas participantes de ferramentas para previr situacións de odio e violencia. Cos coñecementos adquiridos nesta materia, o alumnado preparará unha acción social que terá como obxectivo concienciar á cidadanía ourensá.
“Estamos ante unha realidade ante a que non hai volta atrás por moito que algúns pretendan poñer muros, e estamos nunha cidade moito máis diversa en moitos sentidos” asegurou una presentación o alcalde de Ourense. Jesús Vázquez, quen explicou que con este programa “tratamos de que o que é positivo non se converta en negativo”:
O alcalde subliñou que “traballamos coa mocidade porque é vital actuar nestas idades para previr a violencia de xénero, así como a homofobia e o racismo, que tamén se teñen detectado en mozos e mozas”.
Está previsto chegar a 250 alumnos e alumnas da cidade dos centros educativos Luís Vives e Cardenal Cisneros, os IES Otero Pedraio e Blanco Amor, e os CIFP Portovello e A Farixa. Para levar a cabo esta iniciativa, o Concello conta coa experiencia de APES na xestión de proxectos socioeducativos.
A metodoloxía utilizada céntrase en poñer en valor ao alumnado, convertendo a cada participante en axente activo e de cambio social, fomentando o compromiso e responsabilidade coa súa contorna e as problemáticas sociais da comunidade. Neste senso, dixo Jesús Vázquez, “aquí radica a clave deste proxecto; apelar ao compromiso dos mozos e das mozas, á súa responsabilidade, reivindicar a súa capacidade para converterse en verdadeiros axentes de cambio na nosa sociedade, e contribuír á erradicación das desigualdades e á promoción da diversidade”.
“Cuestión de respecto” nace ao amparo do terceiro Plan de equidade de xénero do Concello de Ourense.