Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Igualdade

Áreas

O Concello de Ourense impulsa a feminización dos nomes das rúas e prazas da cidade, dándolle a espazos públicos o nome de mulleres relevantes. O Consello Municipal de Igualdade de Oportunidades deu o visto bo a unha trintena de propostas de nomes de mulleres para este recoñecemento, que foron propostas por particulares e colectivos durante o proceso de participación cidadá que convocou o Concello a finais de 2017.

A Concellería de Igualdade tramita agora estas propostas para que sexan incorporadas ao rueiro ourensán.

Olga Gallego, primeira muller en ser admitida na Real Academia Galega, foi a que tivo o maior número de apoios veciñais. Ela, e máis Nieves Fariza, Antonia Ferrín, Aurea Rodríguez, Olimpia Valencia, Elisa Sánchez e Marcela García, Begoña Muñoz e ata trinta son as mulleres que nomearán 3 prazas, 4 rúas e 13 espazos públicos, entre eles centros educativos e de saúde.

Astrónomas, gaiteiras, atletas, futbolistas, mestras, médicas, actrices e un largo etcétera de mulleres pioneiras e relevantes en diferentes ámbitos profesionais, serán recoñocidas, impulsándose así a feminización da cidade e con isto, lograr unha cidade igualitaria e equitativa.

Xunto cos nomes de viais e espazos públicos, tamén se realizarán recoñecementos especiais, como os que próximamente estarán adicados a Asunción González, primeira vítima coñecida da violencia de xénero na cidade, Esperanza Martín, Irene González, Cuca Tovar, Erundina Álvarez, Consuelo Rodríguez, Amalia Álvarez, as irmás Touza ou o colectivo “Á miña avoa”, recoñecemento ao labor de todas as avoas de Ourense. O Concello tamén tramita propostas para dar nome de mulleres a espazos e equipamentos públicos da cidade.

O obxectivo deste proxecto é reimpulsar a visibilización e posta en valor da contribución das mulleres á historia a través da asignación de nomes de mulleres ou de efemérides relacionadas coa igualdade en edificios e dotacións públicas, rúas e prazas da cidade para que entren a formar parte do patrimonio urbanístico da cidade e divulgar así o seu coñecemento.

A proposta de feminizar o rueiro ourensán vén fundamentada no III Plan para a Promoción da Equidade de Xénero do Concello de Ourense (2017-2020), que marca no seu obxectivo 10: Promover a igualdade entre mulleres e homes nos diferentes usos do espazo público, no planeamento urbanístico, na mobilidade e no medioambiente. E, máis concretamente, na primeira das súas medidas: Reimpulsar a visibilizacion e posta en valor da contribución das mulleres á historia a través da asignación de nomes de mulleres ou de efemérides relacionadas coa igualdade nos novos edificios e dotacións públicas (centros diversos, bibliotecas, salas, etc.) e nas rúas e prazas da cidade (presentando propostas de novas fillas ilustres da cidade) para que entren a formar parte do patrimonio urbanístico da cidade e divulgar así o seu coñecemento.

Na sesión plenaria de 7 de abril de 2017 acordouse por unanimidade iniciar os trámites oportunos para a apertura dun proceso de participación veciñal co obxectivo de recoller propostas de mulleres relevantes.