Trátase dun programa de lecer infantil para axudar a conciliar os tempos das familias, e está subvencionado polo Ministerio de Igualdade - Pacto de Estado. Este ano, polas limitacións sanitarias impostas pola Covid-19, a participación neste programa está limitada a 10 menores.
As familias interesadas poderán anotarse mañá, martes 22 de decembro, en horario de 10.00 a 13.00 horas nas dependencias da Concellería de Igualdade (rúa do ensino 21).
Máis información nos teléfonos: 672.780,515 e 687.050.196.
Espazo Coeduca. A Concellería de Igualdade - CIM do Concello de Ourense, inaugurou o 20 de xuño de 2012 o Espazo Coeduca, un lugar de referencia para desenvolver programas socio-educativos que permitan conciliar os tempos laborais, familiares e persoais das ourensás e os ourensáns, como unha medida compensatoria incardinada no II Plan para a Promoción da Equidade de Xénero do Concello de Ourense.
O Espazo conta cunha ampla sala dotada de xoguetes, películas, contos, libros e xogos educativos e material didáctico para nenas e nenos, coidadosamente seleccionados de cara a garantir un correcto tratamento non sexista dos seus contidos e usos.
Ofrécese un espazo que fomente a educación equitativa e igualitaria en liberdade e a convivencia coa diversidade, promovendo un modelo coeducativo onde non teña cabida ningún tipo de discriminación.