A Concellería de Igualdade - CIM do Concello de Ourense, inaugurou o 20 de xuño de 2012 o Espazo Coeduca, un lugar de referencia para implementar un programa socioeducativo que permita conciliar os tempos laborais, familiares e persoais das ourensás e os ourensáns, como unha medida compensatoria incardinada no II Plan para a Promoción da Equidade de Xénero do Concello de Ourense 2010-2014.
Este Espazo conta cunha ampla sala dotada de xoguetes, películas, contos, libros e xogos educativos e material didáctico para nenas e nenos, coidadosamente seleccionados de cara a garantir un correcto tratamento non sexista dos seus contidos e usos.
As actividades e obradoiros son desenvolvidos por profesionais especializadas en xénero e educación, así como nas materias concretas a desenvolver nos mesmos (baile, masaxe, etc).
Obxectivos
- De cara ás nenas e aos nenos: crear un espazo de aprendizaxe, lúdico e creativo, onde se desenvolvan actividades que posibiliten que as nenas e nenos se sintan protagonistas do seu propio proxecto vital e que lles permitan vivenciar que o feito de ser mulleres ou homes ten a mesma importancia.
- De cara ás familias: ofrecer un espazo alternativo e igualitario, de aprendizaxe e lecer, adaptado ás necesidades e aos tempos das familias, así como á súa conciliación, onde se pretende concienciar a nais e pais sobre os estereotipos e expectativas que inconscientemente poden transmitir ás súas fillas e fillos condicionando o seu desenvolvemento persoal.
- Respecto á sociedade: ofrecer un espazo que fomente a educación equitativa e igualitaria en liberdade e a convivencia coa diversidade, promovendo un modelo coeducativo onde non teña cabida ningún tipo de discriminación.
Obradoiros
- Expresión corporal e dramatización
- Masaxe en familia
- Expresión plástica e artística
- Espazo compartido en familia
- Cociña creativa e manipulación
Poboación destinataria
Nenas e nenos de 4 a 12 anos e as súas familias
Datas de realización
Períodos vacacionais e festas locais significativas
Vídeos
- Espazo Coeduca 2013
- Espazo Coeduca 2014
- Espazo Coeduca 2015