Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Infraestruturas

Áreas

O Concello avanza na posta a punto do plan ambiental e de mobilidade 'Móvete X Ourense', e esta mesma mañá reuniuse coas redactoras do proxecto, as arquitectas Paula Feijóo e Emma Noriega. Desta xuntanza saíu o compromiso de adaptar o Plan de Mobilidade Urbana e Sostible, que data de 2012, ao Móvete X Ourense co obxectivo de “pórse xa a traballar”, en palabras do concelleiro de Infraestruturas, Miguel Caride.

“Temos por diante catro anos determinantes para abordar definitivamente o modelo de cidade”, afirma o concelleiro Miguel Caride, quen xa adianta que o vindeiro paso será a convocatoria da comisión de seguimento do Móvete X Ourense, “xa que se trata dun proceso participativo aberto á cidadanía”, dixo.

Paula Feijóo, arquitecta da consultora Urba+ e parte do equipo redactor do proxecto, asegura que “se levamos adiante todas as accións contempladas no proxecto poderemos facer que a cidade de Ourense se transforme e sexa máis sostible”, afirma. Só así se poderá lograr unha inclusión harmónica de todos os elementos -peóns, persoas con problemas de mobilidade reducida e / ou visual, ciclistas, coches, etc.- e “o modelo de cidade que todos os ourensáns merecemos”, di.

Móvete X Ourense naceu en abril de 2017 como un proceso de participación plural “para a mellora da calidade ambiental e a mobilidade”, e que perseguía “a pacificación do tráfico e a integración da bici no centro urbano de Ourense”. Logo de pulsar o diagnóstico de máis de 10.000 ourensáns, ben individualmente, ben a través de colectivos, Móvete X Ourense xa é un plan para lograr un modelo de cidade na que teña menos protagonismo o coche e máis as persoas. Está dispoñible no espazo web municipal [enlace] toda a súa documentación, desde o inicio do proceso até as conclusións finais.