Praza Maior 1 988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Infraestruturas

Áreas

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome asistiu esta mañá á recepción das obras de humanización e mellora da accesibilidade da rúa de Arias Páez e a súa zona de confluencia. Ao acto de entrega tamén asistiron o interventor do Concello e técnicos da empresa que executou as obras. Os traballos supuxeron un investimento total de 212.743,41 euros (IVE incluído)

A actuación levada a cabo trátase dunha mellora ambiental e das infraestruturas: as obras eliminaron obstáculos, creando ramplas continuas para o mellor acceso aos edificios sen ter que utilizar as escaleiras, que permanecen de modo auxiliar e adaptadas. Instalouse mobiliario deseñado con accesibilidade como bancos, papeleiras e fontes de auga para uso con cadeiras de rodas que, no caso das fontes, levan ademais un dispensador de auga para as mascotas.

A iluminación, feita en madeira, semella arboredo polo seu fuste e cromatismo, xa que no espazo non era posible incorporar especies arbóreas. Por esa razón mantivéronse todas as existentes, plantadas polos propios veciños.

Os pavimentos, moi cromáticos, están dotados dunha guía pétrea para as persoas con baixa percepción visual, e as escaleiras que persisten están pintadas en tons con contraste para ser máis accesibles á vista. Para dar un contido identificador do espazo público no que estamos utilizouse unha soa cor en todo o equipamento, neste caso azul Ral 5013. As varandas e a iluminación pública foron deseños exclusivos para esta obra, e o xardín ten sistemas de rega automatizados programables e plantación de baixo mantemento. O resultado é un espazo de interrelación veciñal con pequenas prazas ou ágoras onde se pode conversar e pasear, tanto polo día coma pola noite.

Melloras nos accesos ao barrio. O alcalde aproveitou a visita á Cruz Alta para supervisar as obras e actuacións de mellora así como outras actuacións demandadas polos veciños e veciñas da zona na súa anterior visita a estas obras: reparación de baldosas, colocación de varandas, podas, etc.