Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Infraestruturas

Áreas

A Alameda do Cruceiro será obxecto da próxima actuación do plan de investimentos municipal. O día 5 de febreiro comezarán as obras de remodelación do parque infantil, unha actuación longamente demandada polo movemento veciñal, e que veñen de ser adxudicadas por un importe de 460.000 euros por parte do Concello.O concelleiro de Infraestruturas, José Araújo comunicoullo esta mañá a representantes da asociación de veciños Limiar, a agrupación Miño, e ao voceiro do grupo municipal do PSdeG-PSOE, José Ángel Vázquez Barquero, en senllas xuntanzas de balance e seguemento do plan municipal. Na súa condición de promotores do Plan, conxuntamente co goberno municipal.

A Alameda do Cruceiro converterase no primeiro parque inclusivo de Galicia, e contará con áreas de xogos para un espectro de usuarios activos desde os cero aos setenta anos. O prazo de execución será de catro meses desde o inicio das obras. Este proxecto busca a oportunidade de abrir o espazo a dúas rúas, Concello e Cruceiro, eliminando barreiras físicas, mellorando a accesibilidade mediante a demolición de peches, así coma un achegamento a un espazo que quedou confinado por unha notable diferenza de altura: o da Rúa Progreso. Así mesmo, “contará co xogo coma elemento integrador, democrático, sociabilizador, habilitador de espazos de reflexión, faladoiro, descanso e actividade libre nunha contorna de marcado carácter positivo”, en palabras de Jesús Vázquez, alcalde de Ourense.

O Plan de investimentos, aprobado por acordo plenario de 8 de novembro de 2016, e dotado economicamente cunha modificación orzamentaria de maio de 2017, recollía un total de 76 peticións de obras demandadas polas asociacións veciñais nos diferentes barrios da cidade. Unha vez analizadas tecnicamente as solicitudes, descartadas as que non eran viables, e optimizadas ou substituídas por actuacións similares, plasmáronse nun total de 61 actuacións.

A día de hoxe, desas 61 solicitudes, o 98% contan con proxectos técnicos executables. O 50% están xa executadas (17) ou adxudicadas para seren executadas nos próximos meses (13).

Outras 14 actuacións teñen o proxecto aprobado, listo para licitación (ou coa licitación avanzada no caso de 5 delas), e 16 están xa redactadas á espera de informes sectoriais. Finalmente, 1 deas está fase de redacción: o elevador de Avilés de Taramancos. Neste caso, o Concello conta cun anteproxecto, solicitou os informes sectoriais que eran necesarios, e está agora a espera do solicitado á Confederación Hidrográfica para redactar o proxecto definitivo.

Estas obras poderanse levar a cabo ao longo do ano sempre que se doten orzamentariamente.

O concelleiro de Infraestruturas expresou a súa satisfacción polo feito de que o 50% das actuacións estean xa executadas ou a piques de executarse, e a parte restante se atopa en situación de “pistoletazo de saída”, dado que se poderían executarse en caso de que se dispoña de dotación orzamentaria.

Destacou singularmente que con este plan se dá resposta a obras que veñen sendo demandas durante anos pola veciñanza, citando casos como o da Rampa Antolín, e agradeceu a “implicación do grupo municipal socialista _que aprobou co goberno municipal o Plan de Obras e a súa dotación orzamentaria_ e o traballo que fan as asociacións veciñais porque este é un traballo de equipo e unha forma marabillosa de facer cidade”.